Segundo roubo nas caixas do mercado de Carballo en mes e medio
Sospeitan que o autor se agochou dentro e tras o peche dos negocios foi arramplando co diñeiro das caixas
Roubaron as caixas de sete postos e tamén a do bar
A caixa dos cartos baleira de cada tenda, ata sete, e tamén a do bar é o que encontraron os comerciantes da praza de abastos de Carballo este mércores. Alguén foi pasando unha a unha collendo o efectivo que deixaran para dar as voltas. Nas instalacións hai varias cámaras de videovixilancia. Desta vez foi un individuo coa cabeza e a cara tapadas.
"Entraron hai un mes ou así. Desta volta quedaron dentro ao pechar pola tarde", di Carlos Padín, propietario da carnicería Carlos.
A maioría dos comerciantes xa deixan a caixa aberta coas moedas para o cambio dentro, agás nesta panadería. Aquí o ladrón forzou a caixa cun desaparafusador que deixou sobre o mostrador. Na carnicería de Carlos non só levaron o diñeiro.
"Esta vez tamén levaron un teléfono móbil da empresa. Veñen por efectivo, non por comida. Eu deixo pouco. Da outra vez levaron cen euros e desta, xa viña deixando menos, uns cincuenta euros", di Padín.
No bar o ladrón entrou pinzando a porta de vidro que dá acceso ao mercado. Unha vez que logrou o botín, abandonaría a praza por unha porta das de saída de emerxencia. Só as peixerías se libraron nas dúas noites de roubos que levan estes postos de venda. Preguntamos cal sería a razón:
"Penso que porque pola tardes as peixeiras non están e retiran o cambio. Nós si que traballamos pola tarde e deixamos moedas para o día seguinte. Moedas pequenas.", afirma o tendeiro.
Sospeitan que o autor dos roubos se agochou noutra planta do edificio onde está o mercado ou, mesmo nos aseos do andar das tendas.