Seguen á procura do pescador desaparecido en Cabo Prioriño
Localizaron o seu coche e a súa mochila
A familia deu a voz de alarma
Arredor dunha ducia de familiares do pescador desaparecido este mércores seguen ben de preto as tarefas de busca nas que intervén Salvamento Marítimo co Helimer 402 por aire e a embarcación Bertergeuse por mar. Tamén participan axentes da Garda Civil e bombeiros de Ferrol por mar e terra, por onde tamén están efectivos da Policía Local e Nacional, Cruz Vermella e voluntarios de Protección Civil.
O home, veciño de Narón e duns 55 anos, desapareceu nunha zona de cantís, en cabo Prioriño, preto do novo porto exterior de Ferrol, onde localizaron o seu coche e a súa mochila.
A alerta deuna un familiar ao ver que non regresaba á casa despois de saír a pescar á primeira hora do día como fai decote.
Está previsto que o dispositivo de rescate, de non haber resultados, se prolongue ata a última hora da tarde deste venres. Daquela, decidirán se manteñen ou non o dispositivo de busca algunhas xornadas máis.