Drons e patrullas a cabalo buscan unha anciá desaparecida en Lugo
O dispositivo céntrase no polígono do Ceao e no rural de Bocamaos
Isaura, de 85 anos, falta desde o martes tras saír pasear
Drons e patrullas a cabalo da Policía Nacional participan este venres no dispositivo de busca para tratar de atopar a Isaura, unha anciá de 85 anos desaparecida desde o pasado martes en Lugo.
Tras os labores de procura na zona norte da cidade, a busca desprazouse este venres ás inmediacións do polígono do Ceao. Segundo fontes policiais, neste dispositivo están a colaborar unhas sesenta persoas entre familiares e voluntariado.
As tarefas de procura, apoiadas polos drons e patrullas ecuestres, esténdense tamén cara a Bocamaos, xa no rural do municipio.
Isaura desapareceu o martes pola tarde tras saír pasear e non volver ao seu domicilio, no barrio de Fingoi.
Foi vista por última vez na avenida da Coruña, polo que a zona norte da cidade concentra boa parte do operativo.
Localizan un ancián de 94 anos que buscaban no Saviñao
O ancián de 94 anos que desaparecera no municipio lucense do Saviñao, na Ribeira Sacra, foi localizado finalmente ás nove da noite deste xoves, segundo informou a Garda Civil.
A familia dera a voz de alarma ao comprobar que o home, que debía volver á casa arredor das catro da tarde, non chegara ao seu domicilio.
A Garda Civil activou de inmediato un dispositivo de procura no que participaron tres patrullas, veciñanza e familiares.