Segue a busca do pescador afeccionado na desembocadura do Miño
A embarcación na que ía co seu can afundiu entre A Guarda e Caminha
Os medios de rescate esperan unha mellora das condicións do mar para que poidan traballar os mergulladores
Cando xa pasaron máis de vinte e catro horas do aviso polo afundimento dunha embarcación na desembocadura do río Miño, os traballos para dar co seu tripulante continúan. Polo momento, só atoparon uns poucos restos.
"Onte atopamos algunhas evidencias, como un bidón de combustible e unha caixa de material de pesca. E durante a busca na illa de Ínsua localizáronse pertenzas do desaparecido, como unha mochila con material de pesca", informa o comandante Fernando Vieira Pereira, capitán do porto de Caminha.
Rastréxase por mar e terra. No dispositivo participan medios españois e portugueses: embarcacións militares e de salvamento, helicópteros e Policía Local e bombeiros voluntarios de Caminha e Vila Praia de Áncora. Estaba previsto que contra o mediodía se sumasen á busca mergulladores.
"Estamos preparándonos para facer unha busca con sonar para poder localizar a embarcación e, se as condicións meteorolóxicas e do mar o permiten, realizar un mergullo", di o comandante Fernando Vieira Pereira, capitán do porto de Caminha.
O desaparecido é un home de 62 anos, pescador afeccionado e coñecedor da zona, que navegaba co seu can cando a embarcación se foi a pique na zona da illa de Ínsua.
