Seat reivindica o seu futuro dentro de Volkswagen con ou sen marca propia
Insisten en que a decisión aínda non está tomada, pero aclaran que son posibles "varios escenarios" máis aló de 2030
Seat e o grupo Volkswagen reivindicaron este venres o "sólido futuro" que ten a compañía Seat S. A., dentro do consorcio alemán, pero deron a entender ao mesmo tempo que non pechan a porta para prescindir da marca Seat, aínda que insiste en que a decisión non está tomada aínda.
Así se desprende do comunicado feito público este venres por Seat, onde a compañía española subliña que "no contexto actual, cunha regulación cada vez máis esixente, o custo da electrificación e o investimento necesario para desenvolver unha nova xeración de modelos eléctricos, fan que esta análise para seguir investindo na marca Seat sexa cada vez máis complexo".
Desde Seat aseguran que aínda non se tomou ningunha decisión, pero aclaran que "seguen sendo posibles varios escenarios máis aló de 2030. En función de como evolucionen a regulación, a demanda dos clientes e as condicións do mercado, valorarase a continuidade da marca Seat".