Sara Budiño convive coa covid persistente desde hai máis dun ano
Fatiga, tensión na cabeza e perdas de visión son algúns dos seus síntomas
A covid persistente afecta ao redor do 10% das persoas que pasaron a covid. Non é sinxelo abordala clinicamente porque a sintomatoloxía é amplísima e pode manifestarse en practicamente todos os sistemas orgánicos.
Sara pasou a covid-19 pensando que era gripe. Foi pouco antes de que a pandemia nos pechara na casa. Durante o confinamento apareceron síntomas asociados ao sistema nervioso que persisten: parestesias, perdas de visión, un pito constante na cabeza, a sensación de estar permanentemente en tensión.
Acode a rehabilitación para lidar coa dor e tratar de minimizar as limitacións derivadas da síndrome. É unha loita diaria, contra os síntomas e contra as emocións negativas. Tamén contra a incomprensión.
Preto do 80% dos pacientes de covid persistente son mulleres
Hai máis de douscentos síntomas asociados á covid persistente é cómpre individualizar cada tratamento ao máximo posible, sesión a sesión. Faise preciso crear redes de seguimento. Case o oitenta por cento dos pacientes con covid persistente son mulleres.
