Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago e Mos contarán cos primeiros centros de España de coidados intermedios

Santiago e Mos contarán cos primeiros centros de España de coidados intermedios

Galicia porá en marcha os primeiros centros de Coidados Intermedios de España

Atenderán pacientes que recibiron a alta hospitalaria pero que seguen necesitando coidados

G24.gal 02/12/2022 09:21

Galicia vai poñer en marcha os primeiros centros de Coidados Intermedios de España, moi focalizados nas persoas maiores. O primeiro abrirá en Santiago  de Compostela e o segundo en Mos, segundo adiantou a conselleira de Política Social Fabiola García na entrevista desta mañá no informativo Bos días de Televisión de Galicia.

O centro de Santiago xa se vai licitar antes de que remate este ano 2022.

Estes centros enmárcanse dentro da estratexia do programa centrado na persoas da consellería de Política Social, explica Fabiola García. Engade a conselleira que a estes centros acudirán persoas de todas as idades que o precisen pero que son "especialmente importantes" para as persoas maiores que recibiron a alta hospitalaria pero seguen necesitando coidados.

"Por exemplo, un maior que se operou dunha cirurxía, cando recibe a alta por exemplo por unha rotura de cadrís aínda non pode ir ao domicilio porque non está adaptado. Precisa coidados e rehabilitación, como paso previo a seguir recuperándose no seu domicilio. Nestes centros van estar ben coidados e ben atendidos durante uns meses e unha vez que volvan ao seu domicilio, alí instalaremos eses servizos e esas instalacións que a persoa maior necesita para que se sinta coidada".

Salienta a conselleira que desde diferentes puntos de España están chamando ao seu departamento para coñecer como van coordinar os dous departamentos implicados, Sanidade e Política Social.

O primeiro destes centros vaise localizar en Santiago de Compostela e o segundo centro de coidados intermedios vaise instalar no concello pontevedrés de Mos, "nun complexo hospitalario que contará tamén con atención primaria, unha escola infantil e este centro de coidados intermedios", explica a conselleira de Política Social.

"Queremos que teñan a liberdade de escoller como e onde queren pasar esta nova etapa da súa vida"

Hai moitos pasos de mellora que xa se deron en política social, di Fabiola García, "tanto no ámbito residencia, coas mellora de infraestruturas, arquitectónicas, e tamén incorporando a tecnoloxía aos centros residenciais de Galicia; como que todos os centros residenciais que teñen médico poidan ter a historia clínica dos residentes e humanizar todos os centros".

Explica a conselleira de Política Social que tamén se está traballando para mellorar as condicións de todas as persoas que non desexan acudir a un centro residencial, "para que na súa casa estean acompañados, atendidos a través do servizo de axuda no fogar, máis teleasistencia avanzada para persoas que viven soas, máis servizos de xantar na casa, porque queremos que teñan a liberdade de escoller como e onde queren pasar esta nova etapa da súa vida".

"Galicia avanza nun novo modelo nas residencias de maiores coa incorporación de tecnoloxía"

"Estamos incorporando tecnoloxía a moitas residencias para que facilite o labor dos traballadores. Por exemplo, todo o do carro de enfermería está rexistrado de forma electrónica, co cal tamén se evitan erros. Tamén se incorpora a tecnoloxía para os propios usuarios; na residencia da Coruña, por exemplo xa temos esa especie de videoxogos que utilizan os maiores. Eles pásano ben sen darse conta que están estimulando e movéndose continuamente", explica a conselleira de Política Social.

"Coa pandemia aprendemos que é necesaria a colaboración entre o mundo social e o sanitario; en Galicia xa é unha realidade"

Di Fabiola García que coa pandemia aprendemos: "Xa o sabiamos pero non aplicabamos, sobre a colaboración entre  o mundo social e o mundo sanitario. Agora en Galicia é unha realidade e o resultado está á vista de todos: estes dous centros de coidados intermedios que son únicos en España, a historia clínica xa nas residencias de maiores e por suposto tamén continuar implantando novas medidas para facilitar o traballo dos propios profesionais".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade