Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago aproba a recarga de máis do 50 % ao IBI das vivendas baleiras

Santiago aproba a recarga de máis do 50 % ao IBI das vivendas baleiras

O PP reprocha que a única idea sexa "subir impostos"

G24.gal 25/09/2025 11:50

O pleno do Concello de Santiago, cos votos de BNG, CA, PSOE e edís non adscritos, deu luz verde a unha ordenanza que permitirá aplicar unha recarga do imposto de bens inmobles (IBI) para aquelas vivendas que estean desocupadas sen causa xustificada, mentres que o PP votou en contra ao reprochar que a única idea dos grupos de esquerda para mobilizar vivenda sexa “subir impostos” e “castigar” os cidadáns.

O pleno aprobou esta medida no marco dun "expediente paraugas" que unifica as regras de cobranza e modifica varias ordenanzas, como o IBI, pero tamén outras como o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).

Unha das principais novidades é o aumento do gravame aos inmobles desocupados naqueles casos en que manteñan esa condición durante dous ou máis anos e cuxa propiedade sexa titular de catro ou máis inmobles.

Para aplicar a recarga o Concello terá que elaborar un censo dos inmobles desocupados con carácter permanente, para o que se baseará en indicios dos consumos e do padrón de habitantes.

O concelleiro de Facenda de Santiago, César Vila, defendeu que a proposta do IBI “non é unha suba”, senón unha “recarga” para incentivar o mercado de alugueiro, dado que a vivenda é un dos “principais problemas” da cidadanía en Santiago.

Desde o grupo de non adscritos, Mercedes Rosón apoiou o proposta, pero pediu ser “conscientes do alcance real”, porque esta medida repercutirá “só nunha parte” das 6.000 vivendas desocupadas.

Ademais, require de trámites previos, polo que “non terá efectos a curto prazo”, e dicir “outra cousa é xerar titulares enganosos”.

Desde o PSdeG, Marta Abal tamén apoiou a idea “ante a evidente tensión do mercado de alugueiro” pero lamentou a “falta de diagnóstico” sobre a realidade de vivenda baleira para “acoutar ben a realidade” e así “orientar claramente” a medida.

Para a socialista é “imprescindible” un estudo sobre as vivendas que entrarían nesta categoría dado que, pola contra, sería “matar moscas a canonazos”.

Non do Partido Popular

Fronte a iso, o líder do PP en Santiago, Borja Verea, coincidiu na necesidade de tomar medidas para mellorar o acceso á vivenda, pero subliñou que no seu grupo non comparten que para iso “a única solución sexa vivir impostos” e “castigar” os cidadáns.

O dirixente do PP compostelán sostivo que a obriga do Goberno local sería impulsar iniciativas que conseguisen “mobilizar a vivenda baleira e devolvela ao mercado” a través de “incentivos” ou promocións.

Entre as propostas do PP, Verea fixo referencia á posibilidade de “baixar impostos a quen destine a súa vivenda ao alugueiro a prezo alcanzable”, dar “subvencións para a rehabilitación”, axilizar as licenzas urbanísticas ou “dar seguridade” aos propietarios que poñan a súa vivenda no alugueiro.

Por último, Verea tamén se preguntou “para que” quere o Goberno local recadar máis impostos se non son “capaces” de gastar os fondos dos que dispón.

A ordenanza que permitirá aplicar esa recarga introduce novas bonificacións para as vivendas protexidas, cunha redución do IBI que se estenderá ás de promoción pública (VPP), co que calquera con protección terá unha bonificación do 50 % nos tres primeiros anos, e do 35 ou 45 % para os seguintes dez anos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade