Altri ve unha decisión "puramente política" a exclusión da factoría da rede eléctrica
A multinacional advirte de que condenará a Lugo ao "ostracismo investidor" e avanza que, de confirmarse, recorrerán
Altri ve unha decisión "puramente política" na exclusión da planificación da rede eléctrica da planta que proxecta para Palas de Rei (Lugo) e avisa de que non renuncia a empregar "todos os mecanismos de recurso administrativo ao seu alcance", en caso de chegar a producirse.
A través dun comunicado emitido por Greenfiber, a sociedade creada polo grupo portugués para promover a fábrica de Palas, a empresa advirte de que "ata a data non se recibiu comunicación oficial sobre a inclusión ou exclusión de Gama na devandita planificación".
"Cando se notifique a decisión, procederase a analizar detalladamente os argumentos técnico-económicos aplicados e estudarase a posibilidade de presentar alegacións seguindo o curso administrativo habitual unha vez a planificación de rede elévese a público", engade.
Altri precisa que "Greenfiber non renuncia a utilizar todos os mecanismos de recurso administrativo ao seu alcance". Así mesmo, adianta que, "chegado o momento", reiterará "a solicitude de audiencia co ministerio para aclarar calquera das dúbidas técnicas ou financeiras que lles puideran levar a tomar esa decisión".
Interpreta que, "de producirse a exclusión, todo apuntaría a que se está ante unha decisión puramente política, que non está baseada en criterios técnicos, como debería ser".
Neste sentido, considera "oportuno incidir en que a planta de fibras téxtiles de Palas de Rei xa conta coa Declaración de Impacto Ambiental (DIA), que recoñece o cumprimento estrito da lexislación nacional e europea que garanten que Gama é sostible, respectuoso co medio e coexistente con todas as actividades económicas que se desenvolven na contorna".
Enerxía renovable desaproveitada
Altri afirma que, de excluír a planta do proxecto da planificación eléctrica, prexudicarase todo o territorio, xa que se perderá unha oportunidade de contribuír á descarbonización da zona co consecuente "desaproveitamento do beneficio ambiental e económico para fogares e empresas". Nunha nota de prensa sinalan que "o deseño de Gama contempla unha planta enerxeticamente neutra, en que a conexión se destinaría a envorcar á rede os excedentes de enerxía renovable xerada".
A exclusión supoñería -din- un "claro prexuízo ao deixar fóra do mapa de desenvolvemento económico e industrial a toda a provincia de Lugo para os próximos anos".
"O paulatino illamento enerxético que implica a non ampliación do acceso á rede nos próximos anos supón condenar a Lugo ao ostracismo investidor", afirma.
"Gama é un proxecto de envergadura que, polo seu impacto na mellora da xestión dos montes e o seu carácter innovador e disruptivo para a industria téxtil, coloca Galicia e España á vangarda da industria sostible".
A plataforma Ulloa Viva lamenta a "oportunidade perdida" por Altri para desistir dunha macrocelulosa que "ninguén quere". A súa voceira, Marta Gontá, lémbralle a Altri que "non lle pareceu tan mal a decisión puramente política de declarar o seu proxecto coma Proxecto Industrial Estratéxico" no 2022 "sen ningún estudo técnico". E advirte á Xunta que "estaremos vixiantes e estamos preparados para seguir loitando en todas as vías posibles".
Os empresarios de Lugo vanse a pór en contacto co Goberno para que lles informe oficialmente de como queda o planeamento eléctrico ata o ano 2030. De confirmarse as noticias que lles están a chegar, advirten que estariamos diante dunha nova discriminación á provincia. O presidetente da CEL, Jaime López, denuncia que a provincia de Lugo "queda abandonada" nun momento no que "precisa din impulso económico industrial que non ten neste intre". Comparte a idea, o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais. Jorge Rivera, lembra que Lugo xa "perdeu moitas e moi boas ocasións" por falla de investimentos e pon como exemplo "fábricas de baterías que agora se disputan Vigo e Ourense".