Santiago rende homenaxe ao bombeiro Jorge Corbacho no aniversario da súa morte
O falecido estaba en prácticas e acudira como observador ao aviso dun incendio nun autobús que se lle viu enriba
Un dos momentos máis emotivos da homenaxe a Jorge Corbacho foi cando a nai, o pai e a noiva descubrían o seu retrato, que colgarán na súa memoria no parque de bombeiros de Santiago.
"Hoxe fai un ano do seu falecemento e non podía ser menos que facer un acto para lembralo, para agradecerlle e recoñecerlle o sacrificio", di Manuel Sanmartín, oficial xefe do parque de bombeiros de Santiago.
Un momento especialmente duro para a familia. "Estamos desolados, quédanos o seu recordo. Penso que permanecerá aquí sempre. Espero que isto sirva como exemplo para que non volva pasar nunca máis", asegura o pai do bombeiro falecido.
Jorge faleceu con 25 anos cando acudiu cos compañeiros á extinción do incendio dun autobús en Santiago. O vehículo desprazouse e o mozo quedou atrapado entre o autobús e o camión dos bombeiros. A vítima só estaba no operativo como observador cando ocorreu o tráxico accidente.
"A súa función non era intervir directamente. El mais outro mozo non estaban intervindo. O vehículo veulles enriba e colleu a Jorge. Unha fatalidade!", explica Manuel Sanmartín.
Unha fatalidade que acabou co soño de Jorge, que sempre desexou facer este traballo. O seu recordo, o seu retrato e unha placa na súa memoria permanecerán para sempre neste parque de bombeiros de Santiago.