Sanidade porá desde o luns a vacina da meninxite B para protexer da gonorrea a poboación vulnerable
O obxectivo son as persoas menores de 65 anos con alto risco de contraer esta infección de transmisión sexual

A Xunta protexerá a poboación fronte á gonorrea coa vacina que administrará desde o vindeiro luns, día 2 de xuño, destinada á inmunización da meninxite B. En concreto, a Consellería de Sanidade empezará a vacinar as persoas menores de 65 anos con alto risco de contraer esta infección de transmisión sexual.
Nun comunicado, o departamento autonómico explicou que adopta esta decisión tras observar como se está incrementando a incidencia anual gonococia na comunidade galega e nos países da contorna. Na actualidade, a pesar de non existir unha vacina específica para facer fronte ao gonococo, a evidencia científica ratifica a protección cruzada que ofrece a vacina 4CmenB utilizada para protexer á poboación da Neisseria meningitidis do serogrupo B.
As bacterias que provocan ambas as enfermidades están estreitamente relacionadas xeneticamente ao pertencer ao mesmo xénero (Neisseria) e contar cunha homoloxía de secuencia próxima ao 90 %. A Consellería de Sanidade sinalou que entidades de recoñecido prestixio, como é o caso da Joint Committee on Vaccination and Immunisation (JCVI) recomendan utilizar esta vacina debido á súa composición.
A poboación diana que se estima en Galicia aproxímase ás 10.000 persoas. Administrarase naquelas con maior risco de padecer a infección. Utilizarase a vacina 4CMenB no momento do diagnóstico dunha infección de transmisión sexual de relevancia epidemiolóxica (clamidia, mpox, treponema pallidum, gonorrea e VIH) e naquelas persoas que teñan un diagnóstico recente (nos 12 meses previos). Tamén ás persoas que recibiron profilaxes fronte ao VIH, ou outra infección de transmisión sexual, pre ou postexposición en varias ocasións no último ano; así como cando haxa sospeita clínica de gonococia aínda que non se faga un diagnóstico etiolóxico -aínda que a Xunta subliña a importancia de tomar sempre unha mostra para identificar o axente etiológicico-. Ademais, administraráselles ás persoas con antecedentes de dúas ou máis ITS (excluíndo a infección por VPH) nos últimos cinco anos.