Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez pídelles aos xuíces que repasen a lei de violencia de xénero

Sánchez pídelles aos xuíces que repasen a lei de violencia de xénero

"Hai interrogatorios que non despexan dúbidas, auméntanas", di o presidente do Goberno que pide que "non permitamos que unha mala praxe ou a falta de empatía leven unha soa muller a preguntarse se merece a pena a denuncia"

G24.gal 10/02/2025 14:32 Última actualización 10/02/2025 14:56

Pedro Sánchez pídelles aos xuíces que repasen a lei de violencia de xénero e asegura que os interrogatorios non poden levar as mulleres a dubidar se merece a pena denunciar. Nun acto para celebrar os 20 anos desta norma, o presidente do Goberno referiuse a interrogatorios como o que se fixo público á actriz Elisa Mouliá pola súa denuncia a Errejón, onde falou de mala praxe e falta de empatía. 

Sánchez sinalou que "é aí onde menos nesgos machistas deberían existir. Hai interrogatorios que non despexan dúbidas, auméntanas, que non mitigan a dor, fano máis profundo. Non permitamos que unha mala praxe ou a falta de empatía leven unha soa muller a preguntarse se merece a pena a denuncia", dixo na clausura do acto con motivo do 20 aniversario da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero celebrado este luns.

Durante a súa intervención, o presidente esixiu "loitar ata o último alento" contra a violencia de xénero e lograr a renovación do pacto de Estado. "Imos traballar sen descanso para que a renovación salga adiante porque é xusta, imprescindible e, para este Goberno e creo que para o conxunto das Cortes Xerais, absolutamente prioritaria", resaltou.

Sánchez asegurou que España conta co "mellor sistema do mundo" para defender ás vítimas de violencia machista e celebrou que o país sexa un "auténtico referente de igualdade". "Que o orgullo por todo o logrado non nos faga esquecer o que queda por facer, que é unha inmensidade", pediu.

Pola súa banda, a ministra de Igualdade, Ana Redondo, definiu a lei como un "contrato social" que España está obrigada a renovar. "Seguimos necesitando o pacto e o consenso, só detrás do consenso viñeron os grandes avances na igualdade", resaltou.

Pola súa banda, o expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero, baixo cuxo mandato se aprobou a norma, lembrou que o feminismo "non pertence a ningunha ideoloxía", debido a que, nas súas palabras, "é simplemente un estado avanzado da civilización".

"Hai que abrir unha conversación intensa cos mozos, sobre todo cos homes novos", defendeu Zapatero, quen pediu que o pacto de Estado contra a violencia de xénero inclúa unha parte dedicada ao diálogo coas novas xeracións, especialmente no relativo á difusión e o auxe do machismo en redes sociais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade