Publicador de contidos

Publicador de contidos

Completada a demolición do hotel de Doentes do CHUAC

Completada a demolición do hotel de Doentes do CHUAC

O edificio derribado contaba con 7.691 metros cadrados divididos en 10 plantas

A derriba realizouse en tres semanas e era necesaria, segundo a Xunta, para habilitar o espazo para a execución do novo anel perimetral do sistema viario que bordeará o complexo hospitalario

Imaxe do antigo Hotel de Doentes do CHUAC. Foto: Xunta de Galicia Imaxe do antigo Hotel de Doentes do CHUAC. Foto: Xunta de Galicia
G24.gal 25/10/2025 12:53

Tres semanas despois do acceso da maquinaria pesada, a Xunta finalizou a derriba do edificio da estrutura e a fachada do Hotel de Pacientes do CHUAC, un inmoble de 10 plantas, 8 delas sobre rasante, que quedaron reducidas a entullos.

Segundo a Xunta, esta actuación era necesaria para avanzar na construción do novo complexo hospitalario universitario da Coruña (CHUAC). A demolición do inmoble permitirá executar o novo anel perimetral do sistema viario que bordeará e dará acceso ao centro.

A demolición realizouse elemento a elemento para minimizar o impacto dos traballos na contorna, debido á proximidade dos edificios asistenciais, e cumprindo un estrito plan de bioseguridade para controlar a emisión de po e ruído, segundo informa a nota da Xunta.

O derrubamento da estrutura e a fachada completa comezou no interior do edificio cos labores de desamiantado. Mantendo o edificio pechado, continuouse desmontando todo o interior, os illamentos e as tabiquerías, utilizando para iso robots manexados a distancia.

Durante o proceso de demolición interior mantívose pechado o edificio, con xanelas, e os entullos retiráronse cunha mínima exposición exterior. Co edificio diáfano quitáronse as xanelas e acometeuse a demolición do exterior: cubertas, cerramentos e estruturas.

Os traballos das tres plantas superiores executáronse coa axuda de robots para reducir o impacto dos traballos e reforzar a seguridade. Para o resto das plantas do inmoble utilizouse maquinaria pesada especializada que chegou á obra o 7 de outubro e que acaba de finalizar a demolición da parte máis visible do edificio, de 7.600 metros cadrados.

Retirada do entullo

A obra entra agora nunha nova fase, que pasará pola retirada e a fragmentación do entullo resultante e a derriba das cimentacións para posibilitar a creación dunha plataforma pavimentada de 1.000 metros cadrados.

Esta plataforma permitirá dispoñer dun espazo útil, tanto para uso do hospital coma para poder acometer o anel perimetral que dará acceso ao novo CHUAC.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade