Sánchez anuncia que blindará o dereito ao aborto na Constitución se gaña o 29-N
Nun mitin en Granada, o presidente do Goberno recorreu á poesía de Federico García Lorca e recuperou o «non á guerra»
O presidente do executivo e secretario xeral dos socialistas, Pedro Sánchez, anunciou que se goberna na próxima lexislatura reforzará e blindará na Constitución o dereito ao aborto e manterá "en pé como unha conquista" o da eutanasia.
Sánchez fixo estas manifestacións nun mitin de precampaña na sala Federico García Lorca do Palacio de Congresos Granada, onde alertou dos recortes en dereitos sociais e económicos que levarían a cabo gobernos de PP ou de Vox encabezados por Alberto Núñez Feijóo ou por Santiago Abascal.
Pedro Sánchez acudiu ao mitin xunto coa líder do PSOE en Andalucía, María Jesús Montero, e o cabeza de lista do partido ao Senado por Granada, Pedro Fernández, e empezou a súa intervención lendo o poema Cantos novos de Federico García Lorca e ante un invitado de excepción, o cantante granadino Miguel Ríos.
Sánchez fixo unha defensa pechada dos logros sociais do seu Goberno fronte aos recortes do de Mariano Rajoy ou os que poderían chegar cun goberno de PP e Vox. E como na lexislatura recentemente acabada non se puido sacar adiante a reforma constitucional para blindar o aborto, o líder socialista comprometeuse a facelo na seguinte.
Os socialistas combinan as mensaxes sobre vivenda, pensións e servizos públicos cunha campaña na que Sánchez recuperou o «non á guerra»
É o segundo grande acto de Sánchez en Andalucía nesta precampaña. É a comunidade que máis deputados elixe para o Congreso: sesenta.