Sáenz de Santamaría nega que houbese unha operación Cataluña durante o seu Goberno
"De xeito evidente para min non existiu a policía patriótica", sentenciou a preguntas da líder de Podemos, Ione Belarra

A exvicepresidenta do Goberno co PP Soraya Sáenz de Santamaría asegurou este luns que non ten "ningún coñecemento" nin da creación da chamada policía política nin da existencia de ningunha operación Cataluña, que, na súa opinión "non existiu".
Sáenz, que foi número dous do Executivo de Mariano Rajoy entre 2011 e 2018, protagoniza este luns xunto co expresidente da Generalitat unha nova sesión da comisión parlamentaria de investigación sobre a suposta existencia dunha trama parapolicial creada presuntamente baixo o seu Goberno para danar a políticos independentistas cataláns.
Do mesmo xeito que fixeran o expresidente Mariano Rajoy ou a exministra Dolores de Cospedal, Sáenz de Santamaría tamén negou ter coñecemento da operación Cataluña nin dar "ningunha instrución de crear ningunha policía patriótica nin de investigar a ninguén de ningún partido. Tiña outras ocupacións". "De xeito evidente para min non existiu a policía patriótica", sentenciou a preguntas da líder de Podemos, Ione Belarra, quen afeou á comparecente por "sacar a carta de facer a parva cando era a segunda persoa con máis poder dentro do Goberno".
Porque para Belarra, a policía patriótica existiu e "vostede era a número dous do goberno que a creou", reiterou a deputada. Sáenz de Santamaría deixou claro que xamais despachou nin tivo relación algunha co excomisario José Manuel Villarejo e insistiu en que a única guía que seguiu durante o seu mandato foi tentar "deixar o país algo mellor" do que o atopou, "con pleno respecto ao resto dos poderes do Estado e dos partidos".
Respecto ao chamado informe PISA (Pablo Iglesias Sociedade Anónima) en 2016 o presunto financiamento iraniano de Podemos, a exvicepresidenta indicou que o único informe PISA que manexou na súa etapa de goberno foi o que leva o mesmo nome, pero relacionado coa educación. "Na miña vida din ningunha instrución de investigar ningún partido. A miña única guía era defender a Constitución e as leis", salientou en resposta a Belarra, á que lle deixou claro que para ela o único referente político que tivo foi Mariano Rajoy, un home "recto e cabal".
Xa na quenda do portavoz de EH Bildu, Jon Iñarritu, a exdirixente do PP asegurou que non coñecía o informe de Citizen Lab desvelado por RAC 1 e que sinala que o expresidente catalán Artur Mas foi o primeiro político espiado con Pegasus en España e que o seu móbil estivo infectado con ese programa espía polo menos desde xullo de 2015.
Sobre iso, Sáenz de Santamaría preguntoulle a Iñarritu se non lle estrañaba que ese informe fose publicado xusto o mesmo día que na comisión comparecían ela e, esta tarde, Artur Mas. "É curioso, canto menos", apostilou. A comparecente, que tomou nota das preguntas que lle formularon os deputados, tamén se referiu ao que foi director do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Félix Sanz Roldán ao que o seu Goberno decidiu manter, e ao que "xamais" deu ningunha instrución "que non fose cumprir coa directiva nacional de intelixencia". "Xamais algo que puidese contravir a Constitución e o ordenamento xurídico en xeral", dixo a exvicepresidenta, a cuxo departamento estaba adscrito o CNI.
Iñarritu preguntou a Sáenz de Santamaría se lle sorprendía que o CNI non a informase das actuacións que levaban a cabo contra o proceso independentista catalán. A esta pregunta, a exvicepresidenta respondeu: "É difícil que a un o informen do que non tivo lugar". E precisou que durante o seu mandato compareceu na comisión correspondente de gastos reservados e informou do que lle preguntaron. "Do que non ocorreu é moi difícil que se informe", repetiu.
Ao deputado de EH Bildu non lle satisfixo a resposta e volveu a mostrarse sorprendido de que Sáenz de Santamaría fose informada do que facía 'o pequeno Nicolás' e "non do que facían algúns comisarios para investigar a políticos cataláns". Do que estaba a facer 'o pequeno Nicolás' informouna o seu equipo en Asturias, "non o CNI. Comprenderá que non era un asunto de seguridade nacional", respondeu a comparecente.