Publicador de contidos

Publicador de contidos

Saen as memorias de Xoan Carlos I: o distanciamento de Filipe e Sofía, a transición e o retiro en Abu Dhabi

Saen as memorias de Xoan Carlos I: o distanciamento de Filipe e Sofía, a transición e o retiro en Abu Dhabi

"Espero ter unha xubilación tranquila, retomar unha relación harmoniosa co meu fillo e regresar a España, o meu fogar", asegura o monarca 

As memorias, publicadas en Francia, chegarán a España en decembro

EFE/Lavandeira EFE/Lavandeira
G24.gal 05/11/2025 08:33

Saen á luz en Francia as agardadas memorias de Xoán Carlos I. Aos seus 87 anos, e desde o seu retiro forzoso en Abu Dhabi, o pai do rei lembra que a Coroa española repousa enteiramente nel e reivindica o seu legado democrático a España, país que estraña e ao que lle gustaría regresar.

Cando vai medio século da monarquía parlamentaria, o emérito lémbralle ao fillo: "Non esquezas que herdas un sistema político que eu forxei. Pódesme excluír no plano persoal e financeiro, pero non podes rexeitar a herdanza institucional sobre a que repousas. Entre os dous, só hai un paso".

No seu libro, Reconciliación, Xoán Carlos I repasa a súa vida desde o seu nacemento en Roma o 5 de xaneiro de 1938 ata decembro de 2024.  Ao longo de 512 paxinas narra en primeira persoa as súas memorias porque sente que lle roubaron a súa historia. E, aínda que recoñece que cometeu erros e que non é un santo, defende o seu legado democrático a un país ao que chegou con só 10 anos para ser tutelado por Franco, polo que non oculta certa simpatía.

Dedicada á súa familia, menos á raíña Letizia, e a todos os que o acompañaron na transición democrática, a obra está editada por Stock.

O afastamento do fillo

"Espero sobre todo, mentres viva, ter unha xubilación tranquila, retomar unha relación harmoniosa co meu fillo e, sobre todo, regresar a España, o meu fogar", expresa o monarca no seu libro, no que achaca o afastamento de Filipe VI a presións gobernamentais.

O emérito afirma que lle gustaría tecer lazos privilexiados coas súas herdeiras Leonor e Sofía, xa que nin el nin a raíña emérita puideron ter unha relación con elas como co resto dos seus netos.

Sobre a raíña Letizia sinala que a súa entrada na familia real non axudou á cohesión das relacións familiares.

Sofía: a súa raíña, a pesar dos seus descoidos

"Nada poderá borrar nunca os meus profundos sentimentos cara á miña esposa Sofi, a miña raíña", asegura o rei emérito, e lamenta amargamente que non fose velo a Abu Dhabi, onde permanece exiliado desde a súa abdidcación. Achaca este feito ao posible desexo da súa muller de non enfadar o seu fillo".

"Fixen todo o posible, a pesar das miñas torpezas, por velar polo seu benestar e comodidade", conta tamén sobre a monarca emérita, da que asegura que terá un lugar ben merecido na historia de España, como o que ocupa na súa vida: "O máis alto".

As relacións extramaritais

Recoñece desvíos sentimentais, dos que apenas dá detalles, pero asegura que a maior parte das relacións extraconxugais que se lle atribúen son totalmente ficticias.

Sen citar a Corinna Larsen, o monarca asegura que unha relación particular foi hábilmente instrumentalizada, o cal tivo duras consecuencias para o seu reinado.

Tamén fala sobre as súas fillas, cuxas visitas a Abu Dhabi son algo precioso no que considera unha vida de illamento, e sobre o seu neto Filipe Juan Froilán de Marichalar, que é unha satisfacción que ilumina o seu día a día.

23F, o seu momento de maior autoridade

"Xamais na miña vida demostrei tanta autoridade", asegura o monarca no seu libro, no que di que foi consciente de que a historia de España se xogaba nese momento preciso.

"Aquela longa noite non houbo un senón tres intentos de golpe de estado: o do tenente coronel Tejero e do xeneral Milans do Bosch, o máis coñecido e visible; o de Armada, moi doloroso no plano persoal, e o dos falanxistas que querían sumarse para volver á orde franquista", afirma.

"Falaba con calma e persuasión porque sabía que o destino da Coroa e do país estaba en xogo", subliña.

ETA, a batalla máis dura e máis dolorosa

En Reconciliación, o emérito recoñece que a batalla contra ETA foi a máis dura e a máis dolorosa do seu reinado de 39 anos.

"Sabía que ao final seriamos máis fortes ca eles, que terminariamos por gañar esa batalla (contra ETA), que foi a máis dura e a máis dolorosa do meu reinado", declara o monarca, que sente os 854 mortos e os 3.000 feridos causados polo calvario da banda terrorista como unha ferida persoal, aínda difícil de curar.

Sobre o terrorismo xihadista, que golpeou España o 11 de marzo de 2004, sinala: "Aínda me atormenta. Foi un traumatismo nacional e persoal, un pesadelo do que non saín indemne".

As memorias de Xoán Carlos I, rematadas en decembro de 2024, apelan a que o espírito da Transición, "que nos uniu a todos", persista. Nelas, defínese como un home que se entregou enteiramente ao seu país. O monarca confía en ser enterrado con honras cando chegue o momento e conclúe: "España decidirá e a Historia xulgará".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade