Sae da Coruña o primeiro camión con axuda humanitaria fretado por AGA
Leva 23 toneladas de alimentos, roupa e medicamentos a Leopolis e Truskavets
Teñen habilitada tamén unha conta para doar cartos, o xeito máis éficaz de axudar
Outra iniciativa solidaria une aos concellos de Mos, Porriño e Lalín nunha recollida conxunta
"Mirade a cola nesta carnicería ou os estantes baleiros neste supermercado". Así están as tendas en Khersón, unha das cidades tomada polo exército ruso. Cóntao Vitaly, o fillo dun empresario galego que reparte alimentos ás familias que máis o precisan coa axuda que chega de España. "Grazas aos que mandades cartos, así podemos seguir mercando comida e gasolina", di Vitaly.
Cartos cos que aliviar o sufrimento dos civís e solidariedade a toneladas, como as 23 que leva este camión de axuda humanitaria que hoxe saíu da Coruña con destino Ucraína.
"Leva comida, leite, mantas, botas e todo o preciso para sobrevivir a unha situación horrible como a que viven na guerra", explica Natalia Afonina, a presidenta da Asociación galega de axuda a Ucraína, AGA.
É o primeiro dos camións fretado pola AGA e Abanca. Para a semana saíran máis, tamén desde Santiago e Ourense. Ademais teñen unha conta aberta para doar cartos, a forma máis rápida e eficaz de colaborar.
"É o que lles resulta máis rápido e sinxelo, mercar alí o que precisan, evitamos os custos dos transportes e os colapsos que se forman nos puntos fronteirizos", engade Antonio Corredoira, secretario da AGA.
Mentres, en Pontevedra, os concellos do Porriño, Lalín e Mos unen forzas para fretar outro tráiler solidario. Un destes puntos de entrega é o colexio Lar, de Mos, que con esta xa leva cinco viaxes á nave.
"Os nenos interiorizan que hai que axudar cando é preciso, mañá podemos ser nós os que a precisemos", di Belén González, a coordinadora de actividades do colexio.
Escolares, veciños, empresas e institucións unidos para levar cartos, alimentos e toda a calor dos galegos alí onde máis se precisa.