Sae á poxa o local da histórica confeitería Madarro de Lugo
Ano e medio despois do peche, os lucenses continúan estrañando a mítica pastelería
No desexo de moitos está que o novo ou novos propietarios do local decidan reabrir este negocio reposteiro que forma parte destacada dos últimos 130 anos de historia da cidade
O local da histórica confeitería Madarro de Lugo sae á poxa tras non chegar a un acordo as dúas familias propietarias. A centenaria pastelería, todo un referente en Lugo e unha das máis antigas de Galicia, pechou as súas portas no 2024 por discrepancias entre os socios. Son moitos na cidade os que non perden a ilusión de que o local vaia parar a mans de alguén que decida investir en reabrir a mítica confeitería.
"Era algo emblemático de Lugo. Os turistas chegaban e preguntaban pola confeitería Madarro", comenta unha veciña de Lugo con nostalxia.
Os lucenses miran con mágoa as reixas baixadas cando pasan por diante de Madarro. Moitos medraron saboreando as súas famosas canas e milfollas.
"Eu viña moito. Era unha pastelería moi boa. Todo, riquísimo".
Pero por discrepancias entre as dúas familias herdeiras a empresa botou o peche despois de 130 anos de historia. Unha das confeiterías máis antigas de Galicia.
"Foi unha gran perda para Lugo. Eu non son moito de doces pero si de defender o patrimonio desta cidade e Madarro formaba parte dela". "Non viña todos os días pero si que compraba con frecuencia tortas ou roscón de Reis". "Eu compraba moito aquí". "Era algo moi tradicional de Lugo que todo o mundo coñecía".
O letrado da Administración de Xustiza convocou a poxa do local comercial debido a que os dous copropietarios non chegaron a un acordo sobre a compra da totalidade por parte dun deles.
No portal de poxas do BOE, onde se debe tramitar, polo momento non figura ningunha oferta polo inmoble, que está taxado en 790.000 euros. Máis dun confía en que o novo propietario do local decida retomar o negocio reposteiro.
"Por min oxalá volveran abrir". "O que nos gustaría aos lugueses é que volveran abrir".
Os interesados no local teñen ata o 9 de febreiro para presentar ofertas no portal web do BOE.