Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia recrúa os combates tras un novo fracaso da evacuación de Mariupol

Rusia recrúa os combates tras un novo fracaso da evacuación de Mariupol

Putin asegura que vai continuar coa ofensiva ata acabar coa resistencia ucraína

Tropas rusas atacan con proxectís un reactor nuclear experimental en Kharkiv

Segundo as autoridades ucraínas, 2.000 civís morreron dende o inicio da invasión

 

G24.gal 06/03/2022 18:28

Rusia recruou os combates e os bombardeos en Ucraína. Mentres estreita o asedio das principais cidades, continúa o éxodo de persoas cara aos pasos fronteirizos.

O presidente de Rusia asegurou este domingo que manterá a súa chamada "operación especial", iniciada o 24 de febreiro, ata que acabe a resistencia e o país acepten as súas demandas, informa a axencia estatal RIA Nóvosti, citando fontes do Goberno.

Vladimir Putin comunicóullelo en conversa telefónica a varios líderes internacionais que lle pediron infrutuosamente un cesamento inmediato do fogo; entre eles, o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, o primeiro ministro israelí, Nafatí Benet, ou o mandatario francés, Emmanuel Macron.

Segundo informou o Elisio, Putin non ten intención de renunciar aos catro obxectivos que marcou coa invasión de Ucraína e quere logralos mediante a aceptación de Kiev ou coa guerra.

Esas catro esixencias son o que Moscova chama a "desnazificación" de Ucraína, a súa desmilitarización, o recoñecemento da independencia de Crimea e o recoñecemento da independencia do Donbás (leste de Ucraína).

Putin aseguroulle a Macron que non ten intención de atacar instalacións nucleares, despois do ataque do venres pasado á central de Zaporijia, que causou un incendio nun edificio administrativo a uns centos de metros dos seis reactores. 

Fracaso da segunda evacuación

A evacuación da poboación civil da estratéxica cidade portuaria de Mariupol fracasou este domingo por segundo día consecutivo. Segundo as autoridades ucraínas, por mor dos ataques das forzas rusas.  

Pola súa banda, Putin negou que os civís sexan un obxectivo militar e culpou o seu adversario de non deixar saír a poboación das cidades asediadas.

Rusia invadiu hai once días Ucraína e comezou a bombardear as principais cidades, o que provocou máis de 2.000 civís mortos, segundo as últimas cifras provisionais do Servizo Estatal de Emerxencia ucraíno.

Ata o momento, máis dun millón e medio de persoas fuxiron cara aos países veciños, de acordo cos cálculos da Axencia da ONU para os Refuxiados (ACNUR).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade