Rusia intensifica o ataque a barrios residenciais de Kíiv, que recupera o toque de queda
Os primeiros ministros de Polonia, República Checa e Eslovenia viaxan á capital ucraína para trasladarlle a Zelenski o apoio da UE
O avogado da xornalista rusa que protestou contra a guerra durante un informativo descoñece o seu paradoiro
A China asegura que "non é parte da crise" e que non que reverse afectada polas sancións a Rusia
Kíiv volveu amencer entre bombardeos. Os proxectís rusos alcanzaron varios edificios residenciais e unha estación de metro da capital. Hai dúas vítimas mortais e 35 persoas tiveron que ser rescatadas. Outras intentar recuperarse dos estragos dos ataques.
Máis da metade dos tres millóns de habitantes de Kíiv abandonaron a cidade dende o inicio da invasión. O alcalde anuncia un novo toque de recollida de 36 horas, ante o momento "difícil e perigoso" que afrontan.
Con todo, Moscova non logra grandes avances no asedio á capital. O río Irpin contén en parte as tropas rusas, que en cambio xa dan por controlada Khárkiv. Na segunda cidade de Ucraína morreron nas últimas horas sete persoas. En Mariupol funcionaron finalmente os corredores humanitarios para evacuar civís da cidade portuaria, devastada polo asedio ruso.
No día en que se retomaron as conversas diplomáticas coa quinta rolda de negociacións, o presidente Zelenski recibe hoxe en Kíiv os primeiros ministros de Polonia, A República Checa e Eslovenia, que lle van trasladar o apoio da Unión Europea.
E, mentres, preocupa o paradoiro da xornalista que irrompeu nun informativo da televisión pública rusa cunha pancarta contra a guerra ea propaganda do Kremlin. Marina Ovsiannikova foi detida e podería ser condenada a 15 anos de cárcere por desacreditar o exército de Rusia. Moscova cualifica a protesta de vandalismo.
A comunidade internacional tamén mira cara á China. Os Estados Unidos manteñen que Xi Jinping está disposto a apoiar militarmente a Moscova. Pero o ministro de Exteriores chinés trasladoulle ao seu homólogo español que Pekín non quere verse afectada polas sancións, e que A China "non é parte nesta crise".