Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia e Ucraína intensifican os seus ataques aéreos no medio de novos contactos en Abu Dhabi

Rusia e Ucraína intensifican os seus ataques aéreos no medio de novos contactos en Abu Dhabi

Polo menos sete civís morreron en Kíiv como consecuencia do ataque de Rusia, que lanzou contra toda Ucraína máis de 460 drons e 22 mísiles

Policías ucraínos recuperan o corpo dun camioneiro que morreu nun ataque ruso con mísiles (Reuters) Policías ucraínos recuperan o corpo dun camioneiro que morreu nun ataque ruso con mísiles (Reuters)
G24.gal 25/11/2025 15:41

Rusia e Ucraína intensificaron nas primeiras horas do martes os seus ataques aéreos contra as súas respectivas retagardas cun novo intercambio de bombardeos de longa distancia que coincide cos contactos para avanzar cara a un final negociado da guerra que emisarios dos dous bandos manteñen este martes, por separado, cos EUA en Abu Dhabi.

Polo menos sete civís morreron en Kíiv como consecuencia do ataque de Rusia, que lanzou contra toda Ucraína máis de 460 drons e 22 mísiles que volveron ter entre os seus principais obxectivos infraestruturas enerxéticas ucraínas.

Varios drons rusos entraron a territorio das veciñas Romanía e Moldavia durante o ataque, polo que este país citou ao embaixador ruso para pedirlle explicacións pola intrusión de seis drons no seu espazo aéreo.

Ao mesmo tempo, as autoridades rusas informaron da morte de tres civís na rexión rusa de Rostov, un dos obxectivos do ataque ucraíno de onte á noite.

Segundo o Estado Maior de Ucraína, drons de longa distancia e mísiles Neptuno, de fabricación propia, alcanzaron unha planta de reparación de avións e unha fábrica de drons na rexión de Rostov, a terminal de petróleo do porto do mar Negro de Novorosíisk e unha refinería na rexión veciña de Krasnodar.

Ademais, fontes do Servizo de Seguridade de Ucraína (SBU) aseguraron alcanzar tamén un buque de desembarco inimigo no mesmo porto de Novorosíisk.

O cruzamento de bombardeos máis intenso dos últimos días coincide coa nova rolda de negociacións que emisarios do Kremlin e de Kiev manteñen hoxe por separado co secretario do Exército dos EUA, Dan Driscoll, na capital dos Emiratos Árabes Unidos.

Con estas reunións Driscoll espera achegar posicións entre ambos os bandos sobre o plan de paz presentado a semana pasada pola administración do presidente Donald Trump.

A primeira versión do documento foi rexeitada por Kiev, que con apoio da UE logrou eliminar os puntos que consideraba inaceptables -como a esixencia de que retirase ás súas tropas do territorio que aínda controla na rexión de Donetsk- nos contactos que os seus negociadores mantiveron en Xenebra o domingo cos estadounidenses.

Oposición de Rusia

Rusia dixo este luns que non aceptaría as propostas europeas incluídas na nova versión do documento negociada por Kiev e Washington en Xenebra, que elimina, entre outras condicións incluídas nun plan orixinal que contiña varias demandas de máximos do Kremlin, a cesión por parte de Ucraína de todo o Donbás e a disposición pola que Kiev habería de renunciar a entrar na OTAN ou ser protexida tras a guerra por tropas de países aliados.

Neste contexto, o ministro de Exteriores ruso, Serguéi Lavrov, acusou este martes os países europeos de tentar "socavar" os esforzos diplomáticos de Trump.

"Eles queren socavar os esforzos de Donald Trump, queren refacer o plan á súa maneira", dixo Lavrov en rolda de prensa, na que admitiu, de todos os xeitos, que algúns dos puntos do plan orixinal "esixen aclaración".

Lavrov insistiu en defender o plan orixinal, que segundo dixo está construído sobre o acordado polos presidentes Vladímir Putin e Donald Trump no cume que celebraron en Alaska en agosto.

O xefe da diplomacia rusa tachou así mesmo de “quimera” a posibilidade exposta polo presidente francés, Emmanuel Macron, sobre a despregadura de tropas europeas en Ucraína como garantía de seguridade de posguerra para Kíiv. Lavrov cualificou de “moi agresiva” a postura de Macron.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade