O bipartito saca adiante o orzamento da Deputación de Lugo, co PP ausente
Os doce representantes do PP abandonaron o pleno para “non ser cómplices”, afirmou o seu portavoz, Antonio Ameijide, dun “engano aos lucenses”
Imaxe de arquivo dun pleno da Deputación Provincial de Lugo
O Goberno bipartito da Deputación de Lugo sacou adiante este martes os orzamentos da institución provincial para o próximo 2026, que superan os 135 millóns de euros, cos votos dos deputados socialistas e nacionalistas, mentres que os doce representantes do Partido Popular abandonaron o pleno para “non ser cómplices”, afirmou o seu portavoz, Antonio Ameijide, dun “engano aos lucenses”.
Son uns orzamentos “para consolidar o crecemento económico e social da provincia”, que soben máis dun 3,7 % respecto a os de 2025 e darán continuidade o proxecto de impulso do benestar social en Lugo, “apostando con firmeza polos servizos públicos” e por “fomentar as actividades produtivas e os sectores estratéxicos”, segundo o presidente da institución, José Tomé.
O mandatario provincial cualificou de “lamentable” o comportamento dos deputados populares e pediulles "madurez política, seriedade e responsabilidade para “deixarse de espectáculos e poñerse a traballar”.
“Levan cinco anos de rexeitamento sistemático á previsión de fondos da Deputación, porque teñen unha posición fixa de bloqueo, que non é resultado dunha análise real do contido dos orzamentos”, reprochou.
Con todo o portavoz do grupo provincial do PP, Antonio Ameijide, dixo que os doce deputados populares abandonaron o pleno no momento da votación dos orzamentos “para non ser cómplices do sectarismo e falta de diálogo” que atribúen ao goberno bipartito formado por PSOE e BNG.
Dixo que foi un xesto para non participar no que considera “unha treta, un engano aos lucenses”.
“Dicimos non a estes orzamentos porque Lugo merece máis e os lucenses merecemos respecto”, dixo Ameijide, ademais de asegurar que a provincia “non pode permitirse outro ano perdido baixo un Goberno que non xestiona, non planifica e non cre no potencial de Lugo”.
As contas da Deputación foron aprobadas grazas aos votos a favor do PSdeG e do BNG. Durante o Pleno, a deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, puxo en valor uns orzamentos que “están deseñados para avanzar no proxecto de progreso social e económico”.
Uns números “realistas”, porque se mantén o nivel de execución orzamentaria no 85 %, lembrou, e “investidores”, porque soben aos 19,5 millóns de euros os investimentos reais. Tamén “profundamente sociais”, cunhas transferencias correntes que chegan aos 18,5 millóns de euros.
Destacou tamén a “débeda cero” da institución provincial, proba dunha xestión “rigorosa, responsable e comprometida co uso eficiente dos fondos públicos”.