Publicador de contidos
Publicador de contidos

Declaran o estado de emerxencia tras o ataque á presa ucraína de Nova Kajovka

Declaran o estado de emerxencia tras o ataque á presa ucraína de Nova Kajovka

Ata o momento foron evacuadas unhas 2.000 persoas.

Os asolagamentos poden afectar 80 localidades

Rusia e Ucraína cúlpanse mutuamente da desfeita e Europa fala de crime de guerra

G24.gal 06/06/2023 08:28 Última actualización 06/06/2023 21:25

As autoridades impostas por Rusia na localidade ucraína de Nova Kajovka declararon este martes o estado de emerxencia na cidade tras a ruptura da estrutura superior da presa e a inundación parcial da zona. O nivel da auga xa subiu 10 metros .

Preto de 2.000 persoas foron evacuadas ata o momento a ambos lados do río.

As autoridades impostas por Rusia na rexión ucraína de Khersón, no sur do país, comezaron tamén as evacuacións.

"Habitantes dunhas 300 casas van ser evacuados e xa o están sendo".

Segundo o Ministerio do Interior ucraíno, o desbordamento podería afectar ata  80 localidades da rexión, a maioría delas situadas en territorio ocupado polas forzas rusas.

Acusan a Rusia

Rusia destruíu a presa da Central Hidroeléctrica de Kakhovka, situada no río Dniéper ao seu paso pola provincia de Khersón do sur de Ucraína, para “crear obstáculos insalvables no avance das forzas armadas ucraínas”, afirmou hoxe o asesor da oficina presidencial ucraína Mikhailo Podolyak.

“Rusia voou as presas da central hidroeléctrica de Kakhovka. O propósito é obvio: crear obstáculos insalvables no avance ucraíno, tomar a iniciativa informativa, retardar un final xusto da guerra”, afirmou Podolyak.

O asesor da oficina presidencial dixo sobre as consecuencias da explosión que “moitas localidades serán destruídas” e “o medio ambiente sufrirá danos colosais”. Segundo Podolyak, os efectos do desbordamento sentiranse “nun extenso territorio”.

Podolyak referiuse á voadura da presa como “outro crime premeditado” que comete Rusia “no século XXI”.

“Rusia debe ser recoñecida inmediatamente como un país terrorista, con todas as consecuencias legais”, afirmou o conselleiro de presidencia. 

Zelenski cualifica o ataque de “terrorismo” 

O presidente ucraíno Volodimir Zelenski condenou “os terroristas” rusos pola destrución da presa.

“A destrución da central eléctrica de Kakhovka só confirma ao mundo enteiro que deben ser expulsados de todos os recunchos do territorio ucraíno”, escribiu Zelenski na súa conta de Telegram, xunto a un vídeo do desbordamento da auga da presa que xa é viral en Ucraína.

Russian terrorists. The destruction of the Kakhovka hydroelectric power plant dam only confirms for the whole world that they must be expelled from every corner of Ukrainian land. Not a single meter should be left to them, because they use every meter for terror. It’s only… pic.twitter.com/ErBog1gRhH

Zelenski engadiu que “só a vitoria de Ucraína devolverá a seguridade” ao país.

Europa fala de crime de guerra e a ONU pide que se investigue

A Oficina das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos pediu que se investigue o ataque á presa  e que se determine a súa autoría.
Nas últimas horas, o Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR) avisou de que a destrución do encoro é unha violación do dereito internacional, que protexe de forma específica este tipo de infraestruturas.

O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, mostrouse este martes "conmocionado" polo ataque e subliñou que a destrución de infraestruturas civís é "claramente un crime de guerra".

Tamén dixo que Europa esixirá responsabilidades a Rusia e aos seus aliados por este "ataque sen precedentes".

 O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, afirmou que a destrución da presa ucraína de Nova Kajovka é unha "consecuencia directa da guerra de agresión" que Rusia lanzou contra Ucraína e demostra que esa invasión é "totalmente inaceptable".

O líder da Alianza afirmou que a voadura da presa é un acto "indignante" que puxo en risco por centos de civís debido ás inundacións causadas ao longo do río Dniéper, liña divisoria entre os exércitos ruso e ucraíno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade