Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda traslada a Stellantis o compromiso da Xunta para fixar a automoción en Galicia

Rueda traslada a Stellantis o compromiso da Xunta para fixar a automoción en Galicia

Rueda, que agradeceu o recibimento e a oportunidade de explicar en persoa o valor estratéxico da planta galega, subliñou a importancia da fábrica de Stellantis en Vigo, “a máis produtiva de España”

G24.gal 08/05/2025 14:44

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou este xoves aos responsables do Grupo Stellantis en Europa o apoio firme de Galicia ao ecosistema industrial vinculado á automoción co obxectivo de "fixalo" na comunidade autónoma.

Así o indicou o dirixente autonómico aos medios de comunicación despois da reunión que a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, e el mesmo mantiveron en Turín co director de Operacións da Rexión Europea Estendida da compañía, Jean-Philippe Imparato, e outros altos responsables, tanto europeos como da factoría que Stellantis ten en Vigo.

Rueda, que agradeceu o recibimento e a oportunidade de explicar en persoa o valor estratéxico da planta galega, subliñou a importancia da fábrica de Stellantis en Vigo, “a máis produtiva de España”, e puxo en valor “a produción excelente” recoñecida polos propios directivos do grupo automobilístico. Así mesmo, destacou o impacto do tecido auxiliar asociado a Stellantis Vigo e lembrou que Galicia leva "moito tempo batendo récords de exportación e unha parte moi importante desas cifras son debidas á produción" nesa factoría viguesa e a das industrias auxiliares da automoción en Galicia.

Rueda remarcou o papel activo do Goberno galego no impulso do sector, cun investimento duns "250 millóns" de euros para apoiar a Stellantis e, "especialmente", a súa rede de provedores nun momento de "transición" na industria pola electrificación. A colaboración que ofrece a Xunta, precisou o dirixente, ten como obxectivo consolidar "o presente" do sector, pero tamén blindar o seu "futuro" nun mundo "tan competitivo como o de automóbiles, con tantos perigos que están a axexar neste momento".

Nesa liña, explicou que Galicia está a apostar pola dixitalización, a internacionalización e a cualificación dos traballadores. "É moi importante que (en Stellantis) sexan conscientes deste esforzo, poñelo en valor, para conseguir fixar, neste momento tan cambiante, toda esa industria, garantir que siga permanecendo na nosa terra", sostivo.

O titular do Executivo autonómico valorou a receptividade de Stellantis e asegurou que desde esa empresa trasladáronlle "moitísimos eloxios" sobre como traballa o sector de automoción en Galicia, como está organizado e o futuro que ten. A Rueda tamén lle transmitiron os responsables do grupo de automoción que o contexto global require respostas institucionais a nivel estatal e europeo "para ser competitivos", tendo en conta "a produción a nivel mundial, que obriga a un especial esforzo".

O presidente galego reafirmou o seu compromiso para que o "ecosistema industrial que existe en Galicia non só adquira seguridade no presente, senón tamén no futuro". Na procura dese obxectivo, ofreceu "seguir traballando da man cos principais responsables de Stellantis en Europa para que saiban que en Vigo e en Galicia teñen un centro de produción que conta con todo o apoio do Goberno e todas as garantías de estabilidade para que siga crecendo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade