Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda reivindica o galego como "vínculo de unión" e destaca a "harmonía" do bilingüismo

Rueda reivindica o galego como "vínculo de unión" e destaca a "harmonía" do bilingüismo

"O noso idioma é o fogar de todos os galegos, un fogar amplo, acolledor, que non pertence a ninguén ou, máis ben, pertence a todas e todos, a todo un pobo que o ama, deféndeo e cultívao", dixo o presidente da Xunta no acto celebrado polo Goberno galego no Teatro Colón da Coruña en homenaxe a Luísa Villalta

EFE 17/05/2024 14:10 Última actualización 17/05/2024 14:33

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou este 17 de maio, na gran festa da lingua, a importancia do idioma galego como "vinculo de unión" e destacou a "harmonía" do bilingüismo.

O titular do Executivo galego presidido o acto celebrado polo Goberno galego no Teatro Colón da Coruña en homenaxe a Luísa Villalta, no que participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez; e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, entre outras autoridades, ademais de familiares de Villalta.

Rueda, que lembrou que hai dous anos o día das Letras, entón dedicado a Florencio Delgado Gurriarán, foi o primeiro acto que tivo a honra de celebrar como máximo mandatario autonómico; destacou que "o noso idioma é o fogar de todos os galegos, un fogar amplo, acolledor, que non pertence a ninguén ou, máis ben, pertence a todas e todos, a todo un pobo que o ama, deféndeo e cultívao".

Esa "casa" debe facerse máis grande, remarcou, e para iso convidou a conciliar a "liberdade inherente" a calquera persoa que vive nun país libre co necesario "impulso" a unha lingua que durante moito tempo foi "inxustamente postergada" e viviu "á intemperie".

"As linguas son para comunicarse, non para evocar ningún conflito ou lea", manifestou Rueda, que no seu discurso pediu, ademais, non caer na "autocompracencia", porque "queda moito por facer".

Lembrou que precisamente por iso creouse unha Consellería específica. "O camiño emprendido para engrandecer o noso idioma aínda ten etapas por diante, moitas etapas por diante. Quedan por superar moitos desafíos, algúns que coñecemos e outros que están por vir e tamén por coñecer e espero que por superar. Xa sabemos que a fórmula idónea é o respecto ás diferentes sensibilidades".

"Todo isto hai que facelo entre todos e contra ninguén", pediu, ao apuntar que os galegos, polo seu "bilingüismo", poden transitar do galego ao español "moitas veces de modo inconsciente e sempre con plena liberdade", debido a unha "relación harmónica".

Romper iso sería "tanto como imitar modelos foráneos que xa demostraron a súa ineficacia" e, por iso, "é un erro que non debemos cometer", apremou.

"Os idiomas naceron para comunicar, transmitir, unir e compartir", afirmou Rueda. "Non creo que exista para Luísa Villalta e para todos os que foron homenaxeados e os que o serán nos seguintes anos mellor encomio que dicir que tiñan a capacidade de crear un mundo en cada palabra", concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar