Rueda reivindica gobernar "desde a moderación" e apela a superar "a tentación do 'non'"
Co gallo do Día de Galicia o presidente da Xunta remitiu aos medios un artigo titulado 'Nós, ao noso'
Nel repasa algúns dos cambios conseguidos no país grazas á democracia e á autonomía
Engade que Galicia demostra con feitos que se pode gobernar con mesura e con sentido común
Finaliza ratificando o seu compromiso coa nosa cultura e coa nosa lingua "sempre desde o convencemento e xamais desde a imposición"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, remitiu aos medios de comunicación un artigo en formato 'tribuna' titulado 'Nós, ao noso' no que reivindica, nun mundo "polarizado en exceso", un modelo baseado en gobernar "desde a moderación" e avanzar nos distintos ámbitos, incluído o industrial, superando "a tentación do 'non'".
Con motivo do 25 de xullo, Día de Galicia, o presidente repasa as orixes da celebración desta xornada e como cambiou a conxuntura dunha Galicia na que "a democracia e a autonomía" fixeron posible "superar definitivamente" o "atraso secular que arrastraba".
"Coa autonomía dotámonos de institucións sólidas desde as que administrar os nosos recursos, decidir o noso futuro e reverter radicalmente as dinámicas negativas dun pasado onde as dificultades tomaban con frecuencia o rumbo da emigración", asevera, antes de destacar os avances ligados ao autogoberno.
Da súa man, indica o presidente, a comunidade conta "con algún dos mellores hospitais públicos de Europa nunha Europa na que medio séculos atrás operaban aínda curandeiros e compoñedores". Pero tamén salienta os avances en educación, a aposta pola ciencia e unhas condicións, con recursos naturais "abundantes e renovables" ou a súa localización xeográfica, que favorecen o desenvolvemento económico.
Sucede, continúa Rueda, "nuns casos con proxectos concretos que xa empezan a tomar forma" e noutros con "propostas sólidas que o farán en breve".
"Sempre desde o traballo honesto, escrupuloso respecto á lei e a man tendida a cuantos poidan achegar o seu gran de area", remarca.
Con todo, aínda desde o convencemento de que Galicia ten "recursos", tamén advirte de que é precisa "unha predisposición individual e colectiva para superar a tentación do non".
"Porque competir no mundo esixe mentes abertas e actitudes proactivas, sempre co obxectivo de construír o futuro en positivo, pensando no mellor para Galicia e para os galegos", apostilou.
O aviso de Rueda chega xusto antes de que defenda, "nun mundo polarizado en exceso", que Galicia "demostra, con feitos, que se pode gobernar desde a mesura e con sentido común". "Nós, ao noso", recalca.
Ese "o noso" identifícao o presidente con ocuparse dos asuntos que preocupan aos galegos, á vez que se aposta pola lingua e a cultura propias, "principais sinais de identidade de Galicia e protagonistas dun verdadeiro 'rexurdimento' que toma forma a través de manifestacións artísticas, literarias e intelectuais".
"Sempre desde o convencemento, xamais desde a imposición. Desde a moderación que caracteriza ao noso pobo", remarca.