Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda reivindica a xestión do litoral como a "mellor garantía" para protexer o territorio e impulsar a economía

Rueda reivindica a xestión do litoral como a "mellor garantía" para protexer o territorio e impulsar a economía

Rueda presentou a aplicación do Camiño do Litoral de Galicia, a ruta que percorre a costa desde A Guarda ata Ribadeo

A Xunta conmemorou o primeiro aniversario do traspaso da competencia en Muxía. EFE/Cabalar
G24.gal 01/07/2026 16:30

O presidente da Xunta reivindicou este mércores que a xestión autonómica do litoral é "a mellor garantía" para protexer o territorio e impulsar a economía na costa galega. Así o subliñou nun acto en Muxía este mércores, cando se cumpre un ano desde que se fixo efectiva a transferencia das competencias do litoral a Galicia.

"Vivimos na costa e podemos vivir da costa, coidándoa e preservándoa para desfrutar nós, os que nos visitan agora e no futuro", sinalou o titular do Goberno galego.

Así mesmo, segundo trasladou a Xunta nunha nota de prensa, o responsable autonómico destacou a "axilidade" á hora de outorgar permisos e concesións, xa que tras a asunción desta competencia resolvéronse máis de 1.800 concesións e autorizacións "grazas á simplificación administrativa de xeito dixital e á unificación de taxas".

Ademais, enxalzou que a Administración autonómica fomentou durante este ano a actividade turística autorizando por primeira vez a apertura ininterrompida de máis de 900 servizos de tempada desde Semana Santa ata o 31 de outubro.

Camiño do Litoral de Galicia, da Guarda a Ribadeo

Outra das iniciativas postas en marcha é o Camiño do Litoral, do que se presentou a aplicación que inclúe as 52 etapas para percorrer a costa galega a través de 1.373 quilómetros desde Ribadeo (Lugo) ata A Guarda (Pontevedra).

En Muxía, Rueda inaugurou o primeiro sinal que marca o Camiño do Litoral de Galicia, nun proceso de instalación de fitos que terminará ao longo deste mes de xullo. Xunto a este primeiro sinal, a ruta pola costa galega estrea unha aplicación, sobre a que o presidente da Xunta anticipou que mellorará ao longo do tempo e espera moitísimas descargas.

"Alén de algo moi útil é case como un símbolo de todo o que temos e como poder desfrutalo", apuntou Rueda, que chanceou sobre que non pensou que a ferramenta para móbiles fose chegar a tempo.

Esta aplicación serve para facer o Camiño do Litoral para ir desde Ribadeo ata A Guarda pola costa ou acabar en Tui, con outra etapa a través dun camiño fluvial que sobe o río Miño. Cada etapa inclúe a condición do camiño, a distancia total, a pendente media, o tipo de firme, a dificultade, o tempo estimado a pé e o tempo estimado en bicicleta, amais dun perfil altimétrico e o percorrido.

Está traducida a galego, español, inglés e portugués e posibilita realizar a navegación desde a propia aplicación, amais de descargar o trazado da ruta para aqueles tramos que non teñen conexión.

Xunto a este sistema, ao longo do percorrido haberá máis de 250 sinais en total cun QR para descargar a aplicación e está dispoñible unha páxina web con toda a información. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade