Rueda reivindica a fraternidade como mellor vacina contra os extremismos
O presidente da Xunta entregoulles as Medallas de Ouro de Galicia aos alcaldes do Porto e de Braga
Tanto os rexedores como Alfonso Rueda apostaron por reforzar a cooperación transfronteiriza
O pasado 14 de xullo, a princesa Leonor tamén recibiu a máxima distinción que concede a comunidade
A Cidade da Cultura acolleu este xoves, véspera do 25 de xullo, o acto de entrega das Medallas de Ouro de Galicia aos alcaldes do Porto e de Braga, Rui Moreira e Ricardo Rio.
Tanto os premiados como o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicaron que a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é un exemplo na Unión Europea e apostaron por reforzar a cooperación para seguir captando investimento.
O primeiro en recibir a medalla foi o rexedor do Porto, Rui Moreira, que confesou ser un apaixonado das relacións entre ambas as dúas rexións.
"Creo firmemente no potencial de Galicia e do Norte de Portugal. Son un defensor acérrimo de intensificar a cooperación, o intercambio e o investimento transfronteirizo".
Asegurou que en ningunha zona raiana entre España e Portugal "existe unha conexión tan profunda" por iso considera necesario aproveitala para reivindicar o seu protagonismo na península e na Unión Europea.
Para o alcalde de Braga, que recibiu a medalla a continuación, esa unión deber servir para reclamar investimentos de xeito conxunto, como rexións aliadas e non competidoras.
"Galicia e norte de Portugal non son concorrentes, son un destino natural a escala ibérica, europea e internacional para múltiples investimentos e iniciativas á innovación e á creación de emprego", proclamou Ricardo Rio.
Tamén Alfonso Rueda salientou esa conexión entre ambos os dous territorios nun mundo fracturado.
"Parafraseando un dito popular que todos coñecemos, mentres cada un vai ao seu, nós, galegos e portugueses, temos que ir ao noso, ao dos dous".
Durante a súa intervención, chamou a intensificar a cooperación e aproveitou para deixar unha mensaxe política.
"A mellor vacina contra os extremismos é a política que aposta pola fraternidade, a seriedade na xestión e a procura dun propósito compartido".
Segundo dixo, España e Portugal sufriron nos últimos anos as tempestades da inestabilidade ou do descrédito da política, polo que considera necesario apostar pola vía da "fraternidade".
"Esa boa política é a que encarnan Ricardo Rio e Rui Moreira. Nin buscan nin necesitan fracturar Braga e O Porto porque a división é o oposto da fortaleza e eles dirixen cidades fortes, optimistas e ambiciosas", remarcou.

Rui Moreira e Ricardo Rio, que este ano deixan os seus cargos ao alcanzar o período máximo de mandato que fixa a normativa portuguesa, sumáronse a Leonor de Borbón, princesa de Asturias, que tamén recibiu o pasado 14 de xullo a máxima distinción que concede a comunidade.
O himno de Galicia, interpretado por María do Ceo, pechou o acto.
