Rueda pídelle ao Goberno reunir as CC. AA. para coordinar medidas pola guerra
Súmase aos presidentes de Canarias e País Vasco, que pediron por carta a convocatoria urxente da Conferencia de Presidentes
A vicepresidenta Yolanda Díaz avanza que o Goberno pretende aprobar o martes o decreto anticrise
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu este xoves ao Goberno que reúna as comunidades autónomas para coordinar e acordar medidas que palíen os efectos da guerra en Irán.
Rueda súmase deste xeito a outros presidentes, como os das Canarias e País Vasco, que pediron nunha carta conxunta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a convocatoria urxente dunha Conferencia de Presidentes ou outro órgano similar para tratar este tema.
En declaracións aos medios, tras participar nun acto en Santiago de Compostela, destacou que ao tratarse dun conflito internacional "quen ten que levar a voz cantante, a coordinación, son os gobernos de cada país".
"Por iso celebro que o Goberno do noso país se empezo a mover. Hoxe vai ter unha reunión (con empresarios) e espero que o seguinte paso, que debería ser inmediato, sexa reunirse coas comunidades autónomas, que somos as que temos información sobre o terreo e ver que podemos facer", dixo Rueda.
Rueda sinalou que se se prolonga o conflito algunha medida haberá que tomar. Considera que as medidas de carácter fiscal "poden ser as máis efectivas", xa que moitos países xa as están implantando, aínda que lembra que ás comunidades autónomas lles corresponde parte desa recadación.
O presidente da Xunta lembrou que o Goberno galego xa actuou tras o inicio da guerra en Ucraína, hai catro anos, debido á alza de prezos e ao impacto en moitos contratos.
"Tomamos medidas de axuste que, por certo, fóronnos impugnadas polo Goberno e despois adoptáronas eles, pero naquel momento non quixeron tomalas porque dixeron que había que tomalas conxuntamente. Paréceme moi ben. A ver se entenden que hai que actuar coordinadamente e enseguida chámannos para acordar e entre todos empuxar as medidas que sexan necesarias", concluíu.