Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda desvelará cambios na estrutura da Xunta na sesión de investidura

Rueda desvelará cambios na estrutura da Xunta na sesión de investidura

O presidente do Parlamento confirmoulle que o proporá como candidato á Presidencia da Xunta 

Rueda afirma que acepta esta responsabilidade con "máis ilusión" que hai dous anos e que está perfilando agora a composición e a estrutura do novo executivo

BNG e PSdeG piden cambios de calado na Xunta e non só na estrutura

Alfonso Rueda, esta mañá, co presidente do Parlamento de Galicia (EFE/Xoán Rey)
G24.gal 03/04/2024 11:45 Última actualización 03/04/2024 13:28

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, confirmou que vai realizar cambios de estrutura no Goberno galego que prevé desvelar a semana que vén, durante o debate para a súa investidura que se celebrará o martes, 9 de abril, e o xoves, día 11.

Esta mañá reuniuse co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que cumpriu co trámite de comunicarlle que o propoñerá como candidato á Presidencia da Xunta , xa que ten o apoio da maioría que representa o PPdeG.

Rueda destacou que acepta esta responsabilidade mesmo con "máis ilusión" que hai dous anos, cando substituíu a Alberto Núñez Feijóo á fronte do Goberno galego. Pediu "un pouco de paciencia" e de "respecto" ao Parlamento antes de facer públicos os cambios na estrutura do seu Goberno e admitiu que está agora "perfilando" ese Executivo, "non só nos nomes, tamén nalgúns cambios de estrutura" que ó seu xuízo son "necesarios".

Trátase -segundo dixo- de ter "as mellores persoas e o mellor deseño" da nova Xunta, O presidente en funcións confesou que falou con moitas persoas e pediu "moitas opinións" para configurar o seu o novo equipo. Preguntado se o consultou co líder do PP, Alberto Núñez Feijoo, Rueda aclarou: "Ao final teño claro que a decisión é miña e, polo tanto, se acerto ou me equivoco, eu son o máximo responsable, sobre todo se me equivoco".

O xefe do executivo en funcións deu "por suposto" que Feijóo acudirá á súa toma de posesión, que se producirá o sábado día 13. O presidente en funcións explicou que, unha vez celebrado este acto, tentará nomear o seu novo Goberno "canto antes", polo que seguirá o modelo habitual de dar a coñecer a súa composición ese mesmo domingo. 

Alfonso Rueda indicou que exercerá o seu cargo "con responsabilidade, sentidiño e a man tendida". Tamén deixou claro que Galicia "ten moito que dicir no contexto nacional" e como presidente vai loitar "para que a comunidade teña o que se merece sen ser máis, pero tampouco menos que outras".

BNG e PSdeG piden cambios importantes na Xunta, non só na estrutura

Socialistas e nacionalistas evitaron este mércores valorar a decisión do presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, de realizar cambios de estrutura no Goberno galego, xa que entenden que as modificacións que se necesitan son máis profundas.

Ana Pontón esta mañá no Parlamento de Galicia Ana Pontón esta mañá no Parlamento de Galicia

A líder do BNG, Ana Pontón, dixo que prefire abordar esta cuestión “cando saibamos exactamente de que estamos a falar” porque “non se quere anticipar” xa que “é bastante inconsistente”.

Máis aló das modificacións que faga no Goberno da Xunta, a Pontón parécenlle máis relevantes os cambios que poida haber nas políticas do executivo galego para mellorar a sanidade pública ou o modelo de coidados, así como a necesidade en modificar a xestión da enerxía ou as medidas de emprego. “Eses son os cambios relevantes”, subliñou Pontón. Na súa opinión, quizais Rueda o que pretende é “ocultar” co seu anuncio que realmente non ten intención de “rectificar esas políticas que están a afectar” negativamente á vida dos galegos.

A deputada socialista Patricia Iglesias nunha rolda de prensa no Parlamento A deputada socialista Patricia Iglesias nunha rolda de prensa no Parlamento

Pola súa banda, a deputada socialista Patricia Iglesias dixo que non queren “meterse nas decisións” de Alfonso Rueda, pero si o urxen a que “empece a facer política” e a executar os orzamentos aprobados en decembro despois de dous meses de “inacción” debido ao “atraso na investidura” por unha “decisión persoal de Rueda”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos