Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda avanza que haberá axudas "inmediatas" para as persoas afectadas polos incendios

Rueda avanza que haberá axudas "inmediatas" para as persoas afectadas polos incendios

"A prioridade absoluta" segue sendo "protexer as persoas" e os bens ante os incendios forestais, explica o presidente

G24.gal 19/07/2022 20:56

O presidente da Xunta Alfonso Rueda avanzou este martes axudas por parte da Xunta durante unha visita realizada polo presidente do Goberno Pedro Sánchez a Ourense, aínda que "a prioridade absoluta" segue sendo "protexer as persoas" e os bens ante os incendios forestais, despois de momentos "moi complicados" vividos nos últimos días.

Na súa comparecencia de prensa, referiuse á evolución dos incendios.

Explicou: "Nestes momentos, nas dúas zonas que estaban máis complicadas, A Pobra e Folgoso do Courel, parece que a situación evoluciona máis favorablemente; aquí estamos a ver que volve complicarse e iso indica que en ningún momento podemos baixar a garda". Rueda destacou o traballo realizado polos servizos de extinción, que situou como o mellor operativo que hai en España contra incendios.

Dentro das materias pendentes, detallou varios problemas: "O primeiro e fundamental, que hai que facer limpeza e hai que facela ademais nos momentos oportunos, á parte doutros cambios máis estruturais, como son a lei de recuperación de terras agrarias, que temos en marcha e que queremos que sirva para cambiar moitas cousas, non só respecto aos incendios senón tamén de utilización da terra que ten moitas posibilidades".

O terceiro punto que sinalou é: "Cando pase o fundamental, que é apagar os incendios, avaliar os danos".

O xoves sairán as medidas

A este respecto, comprometeuse a "aprobar as primeiras axudas no Consello da Xunta de pasadomañá" para axudar á xente que perdeu a súa vivenda.

Para Rueda, é "fundamental" que a cidadanía perciba que as administracións se coordinan "nos momentos en que é imprescindible" en temas como a prevención e extinción de incendios forestais para salvagardar vivendas e preservar a riqueza ambiental.

Quince vivendas calcinadas en Carballeda

Pola súa banda, o alcalde do Barco Alfredo García destacou desde "a zona cero" do incendio que se iniciou o pasado xoves en Carballeda de Valdeorras, a destrución de "quince vivendas habitables" que se utilizaban como segundas residencias.

Tras asegurar que os incendios son unha das cousas máis duras como alcalde, defendeu a necesidade de "cambiar a mentalidade dos propietarios".

"Os terreos non poden estar improdutivos, teñen que producir, porque xeran postos de traballo e dan a tranquilidade de que aínda que arda o monte as súas casas estarán a salvo", dixo o rexedor socialista, quen manifestou que aínda queda "un traballo moi longo" neste sentido.

O presidente do Goberno Pedro Sánchez reafirmouse na necesidade de impulsar políticas ambientais ante a situación de "emerxencia climática" para previr futuras "ondas de calor" á vez que pediu prudencia tras advertir de que "aínda quedan días difíciles en Galicia e no resto de España" ante a previsión de que continúen as altas temperaturas.

Nunha comparecencia de prensa chamou á prudencia ante a previsión de que continúen as altas temperaturas.

"Quedan días difíciles en Galicia e no resto de España, as previsións indican que vai haber unha repunta nas temperaturas, por iso pedimos a máxima das precaucións".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade