Rueda anima a investir en Galicia na presentación en Madrid do proxecto Impulsa
O presidente da Xunta pide mellorar a xestión dos fondos europeos para que cheguen ao tecido produtivo
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou a investir en Galicia e pide mellorar a xestión dos fondos europeos, na presentación de Impulsa Galicia en Madrid.
Esta sociedade público-privada acompaña iniciativas empresariais innovadoras da economía verde. O Centro de Economía Circular é un exemplo. Busca xerar enerxía e fertilizantes a partir de residuos gandeiros.
"Temos seis millóns de toneladas de excedentes que poden ser convertidos en biometano e aproximadamente poderiamos producir arredor dun terawatt hora de enerxía que viría ser un 7 % da demanda de Galicia", explican desde Naturgy.
Outra mostra está no centro de datos neutro en carbono que promove Ingenostrum para promover a dixitalización das empresas galegas: "Tamén imos utilizar a enerxía dos propios servidores, cando se quentan para axudar algunha industria que necesite esa calor", din.
Son proxectos seleccionados por Impulsa Galicia, como o da fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei. Nesta alianza estratéxica público-privada, o presidente da Xunta animou os empresarios a investir en Galicia, pola súa estabilidade, a súa situación e a súa economía.
"Nós imos intentar non defraudalos e nesa alianza tentar demostrarlles a todos vostedes, aos que teñan interese por investir, por coñecernos mellor, por apostar polo emprendemento en Galicia que somos unha comunidade que, de verdade, paga a pena".
Para Alfonso Rueda, a emisión de 500 millóns de euros de débeda pública galega, que tivo unha demanda case tres veces superior á oferta, é unha mostra da confianza en Galicia. O presidente pediu mellorar a xestión dos fondos Next Generation para que non escape esa oportunidade: "Hai que mobilizados xa, para que cheguen ao tecido producido".
Os proxectos de Impulsa Galicia, que lembra Rueda, tamén necesitan ese financiamento europeo.