Rubén de la Barrera tentará levar a selección do Salvador ao vindeiro Mundial
O coruñés estaba sen equipo despois de adestrar o Deportivo no treito final da pasada temporada

Rubén de la Barrera ten outro reto profesional na súa traxectoria como adestrador. Traballou en Qatar, dirixiu en catro categorías no fútbol español e agora asume o reto de clasificar O Salvador para o Mundial de 2026.
De la Barrera rematou a temporada pasada dirixindo catro partidos do Deportivo e, malia o clamor popular, non foi o elixido para este novo proxecto. Con anterioridade estivo no Guijuelo, Cultural Leonesa, Valladolid B ou Albacete e como segundo adestrador da Real Sociedade.
O Salvador buscaba un técnico despois da marcha de Hugo Pérez, que non cumprira os obxectivos deportivos marcados cando chegou en abril de 2021. Desde xuño de 2022 non gaña ningún partido e na última fase de clasificación só deu superado a Honduras na clasificación final.
Será un campionato moi especial para a CONCACAF (federación en que se atopa O Salvador), porque tres dos seus integrantes, México, os Estados Unidos e O Canadá, serán os organizadores. Haberá outras tres prazas directas para a fase final e dúas máis irán á recuperación. Países como Panamá, Costa Rica ou Xamaica ocupan as tres primeiras posicións no ránking FIFA, pero O Salvador non está lonxe delas, co cal, ten posibilidades reais de pelexar pola clasificación.