Publicador de contidos

Rubén Fernández abraia na súa estrea en MXGP

Rubén Fernández abraia na súa estrea en MXGP

Sexto posto do piloto vigués en Lombardía logo de facer un cuarto e un sétimo nas dúas carreiras

Jorge Prado estivo mellor na segunda manga pero acabou o Gran Premio na sétima posición

Febvre e Herlings xogaranse o título o mércores na última proba

G24.gal 07/11/2021 13:02

Rubén Fernández debutou dun xeito brillante na máxima categoría do motocross. Cun cuarto posto na primeira manga da penúltima proba da temporada e loitando de tí a tí cos xigantes do deporte. Na segunda foi sétimo para un sexto posto no global do Gran Premio de Lombardía. 

Jorge Prado acabou na sétima posición despois dunha primeira manga discreta e unha boa segunda na que marcou o hole shot pero logo viuse superado polos favoritos para gañar o Mundial.

O francés Febvre impuxo a súa lei na primeira manga e foise por diante desde o principio, alleo ás leas dos seus rivais. Herlings caeu nun incidente con Seewer e tocoulle remontar desde as primeiras voltas. O neerlandés volveu a demostrar a súa agresividade e acabou nunha meritoria segunda posición. Herlings protagonizou con Rubén un dos duelos nesta primeira carreira. Non lle foron tan ben as cousas a Prado que se viu envolto nun incidente na saída e, malia recuperar postos, só puido ser sexto. O gran perxudicado foi Gajser, sancionado con cinco postos, e que cun oitavo posto perdeu boa parte das opcións de facerse co Mundial.  

Na segunda o dominador absoluto foi Herlings que se marchou a carón de Jorge Prado abrindo unha cómoda fenda. Prado non aguantou o ritmo dos mellores e foi superado por Gajser, Cairoli e Seewer en fermosas loitas. Rubén estivo na sétima posición desde o inicio aguantando preto das estrelas e demostrando que pode competir na categoría raíña. 

Na xeral todo se vai decidir na última proba. Febvre chega con 661 puntos polos 658 de Herlings. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos