Roubo de xénero por valor de 35.000 euros nun comercio de Baio, Zas
Os ladróns fixeron un percorrido pola estrada de Carballo de asaltos frustrados a outros tres negocios

O roubo na tenda Fanatik de Baio, en Zas, ocasionoulle á propietaria unha perda económica cuantiosa e deixou tocada a súa actividade.
O negocio, situado na rúa Bispo Romero Lema, estivo pechado onte, e esta mañá seguía igual. Todo porque o luns de madrugada lle rebentaron a pechadura da porta e arramplaron con roupa, calzado e complementos.
A tendeira estaba fóra da provincia esta mañá, precisamente, mirando mercadoría para repoñer. En conversa telefónica contounos que lle deixaron baleiras os andeis dos produtos máis cotizados.
Valora en 35.000 euros o roubado. Tamén lle levaron a caixa dos cartos cuns 500 euros en efectivo. Segundo dixo, a referencia que hai dos autores do roubo é que se movían esa noite nun turismo de gama alta e que se foron pola estrada de Carballo tras un percorrido de asaltos frustrados a outros tres negocios de Baio. Intentárono nunha cafetería, noutra tenda de moda e nunha panadería da vila.