Rouban un vehículo de gama alta dun garaxe de Vilalba
Os ladróns foron precavidos: desactivaron a localización do vehículo, polo que non hai rastro del
Un veciño de Vilalba gardou o coche no garaxe á noite, coma todos os días, na praza de sempre, pero cando foi por el á mañá non estaba. Ao principio pensou que se trataba dunha broma, pero de broma tiña pouco, o coche roubárano.
"Ao meu fillo tamén lle pasou, demos parte á Garda Civil e os ladróns acabaron queimándoo", conta un veciño.
Trátase dun vehículo de gama alta que conta cun dispositivo de localización, pero tamén o sabían os ladróns, pois desde as dúas e media da madrugada non hai datos, polo que todo apunta a que o desactivaron. A dúbida está en saber por onde entraron, xa que as portas do garaxe non están forzadas, aínda que si estaba aberta a que dá acceso ás escaleiras. O caso sorprendeu no barrio.
"Eu só sei que o levaron do garaxe", di un veciño, e outro engade: "Non sei que pasa, pero está habendo moitos roubos, tamén nas casas".
O dono dubida de que poida recuperalo e pide a colaboración cidadá, se o ven ou teñen algunha información sobre o vehículo, que se poñan en contacto coa Garda Civil.