Rouban material agrícola nun centro de formación para persoas con diversidade funcional
Os ladróns rebentaron a pechadura cun trade na noite de San Xoán
Unha asociación redondelá de atención a persoas con diversidade funcional denuncia o roubo de material agrícola nas súas instalacións. Xa denunciaron os feitos perante a Policía Nacional.
Da maquinaria subtraída non só depende o mantemento das zonas verdes e da horta do centro, senón que constitúe a ferramenta principal do programa de formación e de competencia laboral que este curso seguiron aquí, en Andaina, tres alumnos e que agarda catro novas incorporacións, polo menos, para o vindeiro ano académico.
A maquinaria agrícola fora doada por empresas da zona, dado o carácter pedagóxico desta asociación redondelá, en que persoas con diversidade funcional se forman en labores de xardinería, horta e cociña.
O material desaparecido está valorado nuns 2.000 euros e a denuncia xa foi presentada na comisaría de Redondela da Policía Nacional.