Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rosalía, a que non é poeta, no comentario de texto da PAU en Galicia

Rosalía, a que non é poeta, no comentario de texto da PAU en Galicia

En total son 13.441 os estudantes matriculados en Galicia que ata o xoves faran os exames en 36 sedes

Estudantes ao comezo da PAU nunha aula da USC (EFE/Xoán Rey) Estudantes ao comezo da PAU nunha aula da USC (EFE/Xoán Rey)
G24.gal 02/06/2026 12:07

A cantante Rosalía e o seu disco Lux sorprenderon este ano no primeiro dos exames das probas de acceso á universidade (PAU) 2026 en Galicia. Os alumnos e alumnas tiveron que realizar un comentario de texto na proba de Lingua Castelá e Literatura en relación á sensación de baleiro e a busca de espiritualidade, en relación ao último álbum da interprete española.

O texto que caeu foi o publicado por María da Pau Janer no xornal La Vanguardia, con data do 13 de novembro de 2025.

En Literatura, os temas que caeron este ano foron a Xeración do 98, a escoller entre os autores Miguel de Unamuno e Antonio Machado; mentres que nas preguntas sobre lecturas obrigatorias tiveron que escoller entre La Fundación, de Antonio Buero Vallejo, e El lector de Julio Verne. de Almudena Grandes.

Os nervios, repasos de última hora e ánimos de profesores e profesoras foron substituídos, tras a primeira proba, que arrincou as 10:00 horas, polos murmurios nos corredores dos centros nos que se realizaban os exames.

En total son 13.441 os estudantes matriculados en Galicia que realizarán os exames, o que supón 495 máis que na convocatoria do ano pasado.

As probas xa arrincaron o luns na Comunidade de Madrid e en Galicia celebraranse durante tres xornadas, do 2 ao 4 de xuño, en ata 36 sedes distribuídas por dez municipios galegos (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo, Cee, Viveiro e A Rúa).

Arranque sen incidencias

O delegado da reitora para a Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG), Víctor Arce, informou os medios de que, polo momento, non se produciron incidencias no arranque das probas.

"Por agora as cousas van como van sempre, esperamos que saia todo ben, como outros anos", declarou antes de comezar a proba de Lingua Castelá e Literatura.

Arce advertiu, iso si, que este ano estase "facendo moito fincapé" na cuestión do uso de medios ou dispositivos electrónicos: "É algo que cada vez se usa máis e temos máis coidado con iso", afirmou, mentres portaba na súa man un detector de frecuencias co que se paseou polas distintas aulas de forma aleatoria.

Os distintos membros das comisións delegadas poden revisar obxectos privados como calculadoras, lentes ou bolígrafos; xa que a posesión de dispositivos electrónicos non autorizados implica a expulsión inmediata do exame.

A seguinte proba da mañá examinará os estudantes de Historia de España ou Historia da Filosofía.

Xa na sesión de tarde, ás 16:00 horas, realizaranse os exames de Xeoloxía e Ciencias Ambientais, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica e Movementos Culturais e Artísticos.

Ás 18:00 horas será a quenda de Debuxo Técnico II, Segunda Lingua Estranxeira e Historia da Música e da Danza. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade