Rosa Crujeiras e Maite Flores pasan á segunda volta das eleccións ao reitorado da USC
Ningunha das catro candidatas obtivo maioría suficiente, de maneira que a comunidade universitaria decidirá o próximo 11 de marzo
Rosa Crujeiras e Maite Flores. USC
As eleccións ao reitorado da USC terán unha segunda volta tras a votación celebrada este xoves, na que ningunha das catro candidatas obtivo maioría suficiente, de maneira que a comunidade universitaria decidirá o próximo 11 de marzo entre as dúas candidatas máis votadas: Rosa Crujeiras e Maite Flores.
A catedrática de Matemáticas Rosa Crujeiras foi a aspirante con máis votos, un total de 4.480 -985 ponderados-, o que representa unha porcentaxe do 41 %. A segunda candidata máis votada foi a catedrática de Física Maite Flores, con 2.354 votos -536 ponderados-, o que supón un apoio do 21 %.
A mesma porcentaxe, 21%, obtivo a catedrática de Filoloxía Inglesa, María José López Couso, que con todo contou con menos votos, un total de 1.845 votos -503 ponderados-. Xa en último lugar quedou a catedrática de Dereito Administrativo Alba Nogueira, con 1.567 votos -380 ponderados- e un apoio do 15%.
Más de 28.000 persoas en total estaban chamadas a votar de maneira telemática para escoller á que será a primeira reitora nos 531 anos de historia da institución. A participación, que foi alta en comparación con anteriores procesos electorais na USC, situouse no 37,49 %.
Ata un 95,9 % do profesorado doutor con vinculación permanente exerceu o seu dereito a voto; mentres que un 30,8 % do estudantado matriculado en titulacións oficiais exerceu o seu dereito.A participación na categoría de persoal docente e investigador foi de 71 %; e a participación do persoal de administración e servizos situouse no 86,7 %.
O proceso de eleccións, mediante o cal tamén se designará ás persoas representantes no claustro universitario, así como nas xuntas de centro e nos consellos de departamento, concluíu sen incidencias destacables.
Nun audio difundido aos medios, Crujeiras mostrouse "moi agradecida por todo o apoio recibido".
"Isto realmente dános moitísimos ánimos para continuar cara á segunda volta, creo que demostra que temos un proxecto que convence á comunidade universitaria. Así, seguiremos traballando e dialogando para poder dirixir esta universidade nos próximos anos", celebrou.
Pola súa banda, Maite Flores aseverou que "nunhas eleccións marcadas pola elevada participación, a comunidade da USC decidiu darnos a oportunidade de pasar á segunda volta e, obviamente, estamos moi satisfeitos e agradecidos".
"Teremos tempo estes días de analizar os resultados polo miúdo e tamén moitas cousas que pasaron na recta final da campaña e mesmo nesta xornada electoral, pero agora o que toca é darlles as grazas a todas as persoas que confiaron nesta candidatura e no noso proxecto de futuro e, sobre todo, agradecer tamén o traballo realizado por todo o equipo da candidatura".
Neste contexto, destacou tamén os "grandes resultados" de Rosa Crujeiras. Tamén tivo palabras para as candidatas que quedaron en terceira e cuarta posición, María José López e Alba Nogueira, ás que agradeceu o seu "compromiso coa institución e a valentía" de presentarse ás eleccións.
Pola súa banda, María José López Couso compartiu a súa "decepción" ante estes resultados e insistiu na "excelencia" tanto do seu programa como do seu equipo.Finalmente, Alba Nogueira admitiu que os resultados "evidentemente non son bos e non eran os que esperan". "Non conseguimos convencer á comunidade universitaria", lamentou.
Segunda volta e proclamación da reitora electa
A campaña da segunda volta producirase do 27 de febreiro ao 9 de marzo, reservando o día 10 para a xornada de reflexión e o 11 dese mesmo mes para a nova votación.
O 12 de marzo celebraríase a proclamación provisional da reitora electa, mentres que as apelacións poderían presentarse entre o 13 e o 20 de marzo. A proclamación definitiva da reitora electa terá lugar o 23 de marzo.