Rodríguez Miranda: "O sistema en Cuba non funciona pero ten que imperar o diálogo"
O secretario xeral de Emigración pídelle ao Goberno español que contribúa a mellorar a situación na illa
Antonio Rodríguez Miranda cifra en máis de tres mil as familias galegas en Cuba que reciben axudas da Xunta
Indica que no último ano aumentaron significativamente os galego-cubanos que retornaron a Galicia
O secretario xeral de Emigración da Xunta asegura que é unha evidencia que o sistema non funciona en Cuba e que "hai que poñer medios dende dentro e dende fóra para solucionalo".
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Antonio Rodríguez Miranda, reivindicou o diálogo "ante unha situación social tremendamente complicada que ao longo do ano se foi deteriorando" ante o recente bloqueo imposto por Estados Unidos ao impedir a chegada de combustible á illa.
"Eu non son tan ousado como para dicir o que se pode facer alí. Tampouco ao pobo cubano e aos gobernantes se lles ten que dicir o que teñen que facer. O diálogo ten que ser algo fundamental que ten que imperar pero o que está claro é que, despois de 60 anos desta forma de funcionar en Cuba, as cousas non funcionan".
O responsable de Emigración da Xunta explicou que sen petróleo e sen grandes producións hidroeléctricas ou doutras fontes renovables , Cuba non pode xerar electricidade. Unha situación que implica moitas limitacións na capacidade "para actuar sobre a propia auga nun país de carácter tropical" o que, ademais, orixina importantes problemas sanitarios. A illa, engadiu "produce moi poucas cousas per se" polo que practicamente importa todos os produtos, incluído o azucre.
"A situación é moi difícil, é moi complicada a nivel sanitario, económico e social e iso lévanos a reflexionar que algo hai que facer en clave interna de país e tamén en clave externa".
Neste sentido pediulle ao Goberno español que contribúa a facilitar os cambios que se precisan na illa.
"Temos o Ministerio de Asuntos Exteriores que ten capacidade de actuar. A vinculación de Cuba con España é intensísima. Foi a última provincia española que se perdeu en ultramar....e o Estado español ten que estar aí en positivo para facilitar os cambios"
Rodríguez Miranda expresou o seu escepticismo con respecto a iniciativas como a da "flotilla" que prevé viaxar a Cuba.
"Perdoen que desconfíe pero eso non é ningún tipo de solución. Non deixa de ser como cando os Reis Magos reparten lambetadas aos nenos....O que hai é que poñer medios desde dentro da illa e dende fóra para solucionalo"
Galegos en Cuba
Antonio Rodríguez Miranda explicou, na Radio Galega, que na actualidade máis de 50 mil cubanos que residen na illa e que teñen ascendencia galega, deles uns 300 naceron na comunidade e emigraron a Cuba. Engadiu que incluso hai "algúns pequenos empresarios que están facendo cousas alí" aínda que, suliñou, "é algo anecdótico"
"A relación coa nosa cidadanía na illa é cotiá e a que temos coas autoridades é correcta. Galicia leva traballando con Cuba durante 30 anos"
O responsable de Emigración da Xunta sinalou que cada ano a administración galega axuda economicamente a moitas familias galego-cubanas. En concreto destacou ás axudas a galegos de primeira e segunda xeración e con precariedade económica.
"No último ano en Cuba axudamos de xeito directo a 3.500 familias e agora estamos cun proceso onde as persoas que alí viven nos poden solicitar axuda. Temos aberto o prazo ata o 6 de abril pero tal e como estáa situaciónn na illa non descartamos prorrogalo"
Antonio Rodríguez Miranda explicou que a Xunta conta cunha oficina de atención social na Habana e cun dispositivo de apoio ós cidadáns galegos distribuído por toda a illa e no que colaboran "un conxunto amplo de voluntarios".
Galegos retornados
O secretario xeral de Emigración da Xunta suliñou que nos últimos anos" a chegada a Galicia dende Cuba é moi intensa" polo que tamén se incrementaron significativamente as axudas para facilitar o seu establecemento na nosa comunidade.
"O apoio ás persoas que veñen de Cuba multiplicouse exponencialmente nos catro ou cinco últimos anos. No ano 18 as axudas extraordinarias aos galego-cubanos retornados eran unhas deceas. No ano 25 demos axudas, dunha media de tres mil euros, a preto de 650 familias que viñeron da illa".
Antonio Rodríguez Miranda sinalou que cada que vez que Galicia axuda ós seus cidadáns na illa tamén axuda ao resto do pobo cubano e ó goberno dese país.
Venezuela
O titular de Emigración da Xunta, que mañá viaxará a Venezuela, sinalou que o pobo venezolano vive con expectación pero tamén con inquedanza a situación no país caribeño trala intervención de Donald Trump.
"Todos os cambios que se están desenvolvendo, como podemos imaxinar, vense sempre con incerteza, non se sabe o que vai pasar ao día seguinte. O que lles podo dicir é que están cunha absoluta expectativa positiva. Parece que ven unha solución para esas grandes dificultades sociais que houbo ao longo destes anos".
Antonio Rodríguez Miranda indicou que Venezuela e ó país do mundo onde o goberno galego ten concedido máis apoio económico ós emigrantes galegos.