Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rishi Sunak, novo primeiro ministro británico: "Agora precisamos estabilidade e unidade"

Rishi Sunak, novo primeiro ministro británico: "Agora precisamos estabilidade e unidade"

Carlos III encargaralle este martes formar goberno

Tras un proceso acelerado para suceder a Liz Truss, os conservadores elixiron o exministro de Economía como o seu novo líder

Boris Johnson anunciou na véspera que non intentaría repetir como primeiro ministro e Penny Mordaunt, portavoz dos tories na Cámara dos Comúns, non conseguiu os suficientes apoios

G24.gal 24/10/2022 14:46 Última actualización 24/10/2022 20:37

O exministro británico de Economía Rishi Sunak, será o próximo primeiro ministro do Reino Unido en substitución de Liz Truss, que o xoves pasado anunciaba a súa renuncia.

Pouco despois das tres da tarde, Graham Brady, líder do Comité 1922, que agrupa aos tories sen carteira, anunciaba que Sunak era o novo líder do partido Conservador e polo tanto primeiro ministro británico.

Retirada dos rivais

A que apuntaba como rival na carreira por sueder a Truss, a líder dos conservadores na Cámara dos Comúns, Penny Mordaunt, anunciaba pouco antes a súa retirada das eleccións internas ao liderado da súa formación e o Goberno do Reino Unido, o que despexaba o camiño para o acceso ao poder do antigo titular de Economía.

Na véspera, o exprimeiro ministro, Boris Johnson comunicaba a súa renuncia a competir por liderar os conservadores. Aseguraba que tiña os apoios necesarios, pero que chegou á conclusión de que non sería o correcto, dicía nun comunicado emitido á última hora de onte.

Engadía Johnson que non se pode gobernar de maneira efectiva sen contar cun partido unido no Parlamento.  

Primeiras palabras do candidato

Nun discurso na sede dos conservadores en Londres,  Sunak apostou por promover a "estabilidade e a unidade" para abordar os "profundos retos económicos" aos que se enfronta o país. "A miña principal prioridade será promover a unidade no noso partido e o noso país".

"Este é o maior privilexio da miña vida, poder servir ao partido que amo e retornar algo ao país ao que tanto lle debo", afirmou o líder conservador, primeiro político de orixe india que gobernará o Reino Unido.

O exministro de Economía rendeu tributo á súa predecesora pola súa "dedicación ao servizo público".

Un primeiro ministro para tempos difíciles

Sunak asumirá o cargo de primeiro ministro este martes, unha vez que teña unha audiencia co xefe do Estado británico, o rei Carlos III.

Ao lanzar o domingo a súa candidatura, Sunak declaraba na súa conta de Twitter que o Reino Unido afronta unha "profunda crise económica" e que o seu obxectivo é superala.

"A elección que faga agora o noso partido decidirá se a próxima xeración de británicos terá máis oportunidades que a última. É por iso que me presento para ser o voso próximo primeiro ministro e líder do Partido Conservador", sinalaba Sunak.

O político, de 42 anos, agregaba que estivo a cargo da Economía nuns momentos "moi duros" para o país, en referencia ás axudas que tivo que organizar durante a pandemia, pero advertía de que "os desafíos que afrontamos son aínda maiores"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade