Publicador de contidos
Publicador de contidos

Liz Truss dimite como primeira ministra británica, a máis breve da historia

Liz Truss dimite como primeira ministra británica, a máis breve da historia

A xefa do Goberno renuncia tras só 45 días no cargo

Truss continuará como primeira ministra mentres o Partido Conservador non elixe un novo líder para sucedela á fronte dos tories

Os laboristas piden eleccións anticipadas pero os conservadores inician o proceso de remuda e cren que o 28 deste mes poden ter sucesor

G24.gal 20/10/2022 14:37 Última actualización 20/10/2022 21:14

A primeira ministra británica, Liz Truss, anunciou este xoves a súa dimisión como líder do Partido Conservador e deixará a xefatura do Goberno en canto se elixa o seu sucesor.

Truss, que xa lle notificou a súa decisión ao rei Carlos III, permanecerá no cargo ata que se elixa un substituto. "É a mellor decisión para manter o Reino Unido nunha condición económica estable", asegurou nunha declaración en Downing Street.

A primeira ministra viviu unha última xornada "difícil", como admitiron fontes próximas aos principais medios británicos. Cando menos 17 deputados pediron que dimita polo caos político destas semanas, marcadas polo desmantelamento practicamente total do seu programa fiscal que anunciaba en setembro cando asumía o cargo.

Deste xeito Truss, tras só 45 días no cargo, renuncia e convértese na xefa de Goberno máis breve da historia do Reino Unido

Na súa comparecencia avanzou que o seu sucesor será elixido a próxima semana. Truss abriu a súa declaración cunha referencia ao "momento de grande inestabilidade económica e internacional" na que chegou ao cargo, que asumiu o pasado 6 de setembro tras vencer nunhas primarias do seu partido.

"Ofrecemos resultados nas facturas enerxéticas e rebaixando a cotización social. Expuxemos unha visión para economía de baixa fiscalidade e alto crecemento que aproveitaría as liberdades do brexit", considerou Truss, antes de recoñecer que na actual situación non poderá cumprir os seus obxectivos.

O líder laborista esixe eleccións xerais

O líder do Partido Laborista británico, Keir Starmer, na oposición, esixiu este xoves a convocatoria de eleccións xerais "agora" despois de que a primeira ministra, a conservadora Liz Truss, anunciase a súa dimisión.

"O Partido Conservador demostrou que xa non ten mandato para gobernar. Despois de doce anos de fracaso conservador, o pobo británico merece algo moito mellor que esta porta xiratoria do caos", afirmou Starmer nunha declaración.

Os conservadores terán novo líder para o 28 de outubro

O Partido Conservador británico mantense alleo a esa petición de adianto electoral, á que se sumaron outros políticos británicos. Os tories xa puxeron en marcha o mecanismo de remuda concluirá o proceso de elección do seu novo líder para o 28 de outubro, dixo este xoves Graham Brady, presidente do comité 1922 do grupo parlamentario na Cámara dos Comúns, encargado de organizar as eleccións internas.

Brady dixo aos xornalistas que será posible por tanto que haxa un novo xefe do Goberno antes de que o 31 deste mes o ministro de Economía, Jeremy Hunt, presente o seu plan fiscal a medio prazo, co que reverterá a estratexia económica da primeira ministra Liz Truss, que anunciou hoxe a súa dimisión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade