Ringleiras nas fronteiras rusas tras a chamada aos reservistas
Alemaña ofrece asilo aos desertores
Guterres tacha as ameazas de Putin de "totalmente inaceptables"
A afluencia de vehículos desde Rusia cara a Finlandia aumentou un 57 % tras a chamada a filas dos reservistas. O país nórdico é o único europeo onde as fronteiras con Rusia seguen abertas. Imaxes semellantes repítense nas exrepúblicas soviéticas de Kazakhstán ou Xeorxia.
A vía terrestre é case a única escapatoria, despois de que se esgotasen, ou chegasen a prezos prohibitivos, os billetes de avión a Turquía, Serbia ou Armenia.
Os primeiros reservistas xa están recibindo as notificacións para ser enviados a Ucraína. Unha ONG denuncia que algúns destes avisos os recibiron en plena comisaría varios detidos nas protestas convocadas tras o anuncio da mobilización.
As protestas continuarán
Vesná, a organización convocante, anuncia novas concentracións para o vindeiro sábado. Alemaña ofreceulles asilo aos reservistas que decidan desertar.
O Consello de Seguridade da ONU analizou a escalada retórica de Putin. António Guterres advertiu que a convocatoria de referendos de adhesión a Rusia nas provincias ucraínas do Donbas viola a carta das Nacións Unidas. E lamentou o recurso á ameaza nuclear.
Para Guterres,: "A idea dun conflito nuclear, noutro momento impensable, converteuse nun asunto de debate. Isto é, en si mesmo, totalmente inaceptable".
Sentados fronte a fronte, os ministros de Defensa ruso e estadounidense confrontaron puntos de vista.
Anthony Blinken advertiu: "Non permitiremos que o presidente Putin saia coa súa".
O seu homólogo ruso Sergei Lavrov asegurou: "O réxime de Kíiv debe a súa impunidade aos seus socios occidentais, empezando por Alemaña e Francia, pero tamén aos Estados Unidos".
Sobre o terreo, o exército ruso continúa castigando as cidades do leste e do sur de Ucraína, aínda que non logra recuperar o terreo perdido nas últimas semanas.
A casualidade quixo que as ameazas de Putin coincidisen co maior intercambio de prisioneiros desde o inicio da guerra, 55 soldados rusos e 255 ucraínos.