Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ribera garante a subministración de gas, con reservas para cubrir "20 Filomenas"

Ribera garante a subministración de gas, con reservas para cubrir "20 Filomenas"

O sector enerxético asegura que non hai risco dun apagamento xeral

G24.gal 02/11/2021 15:55

O Goberno asegura que leva meses traballando para garantir a subministración de gas, ante o peche anunciado do gasoduto do Magreb. A canle que une Alxeria con Almería, unida ao incremento de transporte por buques metaneiros, fai que España dispoña na actualidade de reservas de gas para o equivalente a 40 días de consumo.

"Temos unha garantía de 40-43 días de reservas de gas. Con Filomena consumimos o equivalente a dous días, así que é unha reserva moi importante", explicou a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera. 

O sector enerxético chama á calma e asegura que non hai risco de apagamento eléctrico, en contra do que alertan países como Austria.

"O abastecemento de enerxía está garantido, non hai previsión de apagamento. As empresas están preparadas e temos un sistema eléctrico robusto e fiable", asegura Marina Serrano, presidenta da Asociación de Empresas de Enerxía Eléctrica.

Pero o conselleiro de Economía di que dende a Xunta ven con inquedanza a planificación enerxética do Goberno. "Depender exclusivamente do gas como enerxía de apoio e asumir unha transición abrupta pechando as centrais térmicas ponnos nunha situación de incerteza", denuncia Francisco Conde. 

O prezo grosista da luz sobe un 60 %

Este martes pagarase de media a 146 euros/MWH no mercado grosista. Son 55 euros máis que onte, que foi xornada festiva e polo tanto con menos demanda. O prezo da electricidade cuadruplica o de hai un ano. A franxa máis cara será entre as nove e as dez da noite, superando os 220 euros. E mañá seguirá subindo, ata os 154 euros de media.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade