Riazor de gala para o 'derbi de antano' entre Dépor e Rácing
Tiveran que pasar 40 anos para que o Rácing de Ferrol volvera a Riazor. Pero a visita da temporada pasada quedou atenuada polas restricións da pandemia. Sen público. O reencontro na mesma categoría, en Segunda B, con protagonistas que vemos agora tan lonxe, resultara con distribución fraternal de puntos: 1 a 0 nos dous partidos.
Esta temporada o sentimento de derbi xa rexurdiu para lucir nas bancadas. Viuse na Malata, no partido que en decembro rematou con empate a cero. Como se vivirá hoxe en Riazor.
O Deportivo chega en momento delicado. Catro meses despois perdeu o liderado que agora defende o outro Rácing.
Con 11 puntos menos, o Rácing de Ferrol é o oitavo. A 4 da fase de ascenso. Viven un bo momento os verdes, recuperando opcións grazas a 3 vitorias seguidas.
Equipos necesitados. As dúas mellores defensas da categoría. Sen baixas, só no Deportivo segue faltando Victor.
E un estadio de Riazor que recibirá un milleiro de afeccionados ferroláns. O derbi de antano goza hoxe de todos os atractivos.