Publicador de contidos
Publicador de contidos

Feridos dous traballadores ao arder unha nave de despezamento de vehículos en Lugo

Feridos dous traballadores ao arder unha nave de despezamento de vehículos en Lugo

No polígono do Ceao da cidade traballan unha vintena de bombeiros de Lugo, Sarria e Vilalba e Emerxencias activou o nivel 1 do Platerga

G24.gal 26/03/2024 10:22 Última actualización 26/03/2024 16:38

Os servizos de emerxencia traballan para sufocar un incendio na nave da empresa Despeces Sidegal, situada na rúa do Vidro, no polígono do Ceao, en Lugo, e no que dous operarios resultaron feridos tras sufrir queimaduras e por inhalación de fume. Ambos foron trasladados ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Así o comunicou en declaracións aos medios nas inmediacións da nave a alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos, que sinalou tamén que o incendio, aínda que "non está controlado totalmente", xa non hai perigo de que pase a outras naves próximas.

Así mesmo, trasladou que Emerxencias activou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) para que poidan acudir os recursos necesarios máis aló da área de referencia de Lugo. Neste sentido, a rexedora confirmou que se desprazaron ata O Ceao efectivos de reforzo de bombeiros de Sarria e de Vilalba.

Alvarellos detallou que nestes momentos hai uns 20 bombeiros traballando nos labores de extinción e na zona atópanse tamén tres patrullas da Policía Local, así como axentes da Policía Nacional e Protección Civil.

Tamén se despraza persoal do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) cun camión cisterna para colaborar nos labores de extinción.

Aínda que nun primeiro momento pensouse que o lume se propagara a unha das naves lindeiras, os servizos de extinción conseguiron confinalo unicamente na que se produciu, onde os danos localízanse nun elevador de vehículos, e nas oficinas administrativas situadas no andar superior.

Sobre as causas deste incendio, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, explicou que a Policía Xudicial está no punto, pero ata que estea extinguido non se poderán iniciar as investigacións para esclarecer as causas.

Ademais, desexou unha pronta recuperación aos dous feridos que, segundo afirmou a alcaldesa lucense, un quedou ferido leve e o outro aínda se descoñece o alcance.

Alvarellos apuntou que, segundo lle trasladaron os propios operarios, o incendio iniciouse nunha zona "onde había moitos residuos, moita gasolina e moitos aceites", polo que se propagou de maneira inmediata.

Segundo confirmaron fontes do 112 Galicia, foi un particular quen deu aviso á central de emerxencias sobre as 09:45 horas. Nesta comunicación, trasladaba que se rexistrou unha explosión dentro da nave e que un compañeiro sufrira queimaduras. Con todo, indicaba que todos os traballadores estaban fóra das instalacións.

No interior da nave hai vehículos, así como outro tipo de material almacenado e algúns aceites, tal e como trasladou a persoa que alertou o 112.

Pola súa banda, o subinspector da Policía Nacional de Lugo, Manuel Arias, sinalou que dous axentes da brigada da Policía Científica esperan a que os bombeiros arrefríen a zona para "poder deducir se é certo que se puido producir ese primeiro conato de incendio na zona de residuos".

Trátase "dunha hipótese", afirmou, xa que esa é a zona onde había maior cantidade de lume, pero tamén recoñeceu que "puido ser aí ou puido ser un curtocircuíto".

Arias tamén explicou que no marco deste dispositivo foron desaloxadas todas as naves lindeiras e retiráronse bombonas de osíxeno que había nunha das naves laterais ante o risco de que "puidesen acrecentar o lume que se estaba producindo na nave incendiada".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade