Retiran máis dunha tonelada de lixo dos fondos do Illote do Areoso
Na limpeza, organizada pola obra social de Abanca, participaron mergulladores da Illa e do Club Subacuático Pérez
Un total de 51 persoas participaron, a bordo de 14 barcos, no proxecto de limpeza do illote do Areoso, pertencente á illa de Arousa.
Na saída, organizada polo programa Plancton da obra social de Abanca, colaboraron a confraría local e o Club Subacuático Pérez Sub.
Do mar, sacaron nasas vellas, miños, placas metálicas e tamén aparellos de furtivos. En total, tras a pesaxe, retiraron 1.150 quilos de refugallos que xa non están no fondo do mar.
Ademais da limpeza, con esta acción preténdese sensibilizar a poboación da importancia de coidar o medio. Das artes ilegais devolvéronse ao mar algas e crustáceos.
Tan só o ano pasado nas diversas campañas desenvolvidas en praias e fondos submarinos, organizadas pola obra social de Abanca, retiráronse en total máis de 19 toneladas de refugallos.