Restablecida a circulación con normalidade en Chamartín tras se repararen os danos
Renfe, Iryo e Ouigo cifraron nuns 34.000 pasaxeiros os afectados este xoves por mor da suspensión do tráfico de alta velocidade en Chamartín

O xestor da infraestrutura ferroviaria, Adif, informou de que se restableceu con normalidade a circulación na estación de Chamartín tras a caída da subministración eléctrica este xoves pola saída do eixo dun tren, o cal provocou suspensións e atrasos nalgúns trens de alta velocidade.
Unha vez finalizados esta madrugada os labores do tren accidentado e a reparación de danos na infraestrutura, as conexións de alta velocidade tanto con Galicia, Asturias, Castela e León e Cantabria, como con Levante (Castelló, Valencia, Alacante e Murcia) volven ter a súa orixe e destino na estación madrileña, informaron fontes de Adif.
Desde este xoves pola tarde, Adif traballou para retirar o tren que provocou a caída da subministración eléctrica na estación de Chamartín e para recuperar a tensión.
Ao longo da tarde logrouse restablecer as conexións entre Madrid Chamartín e Galicia, Asturias, Castela e León e Cantabria, pero a estación non operaba ningún tren cara á Comunidade Valenciana e Murcia, mentres que a estación de Atocha tivo que acoller algúns deses ferrocarrís.
Renfe, Iryo e Ouigo cifraron nuns 34.000 os pasaxeiros afectados este xoves por mor da suspensión do tráfico de alta velocidade en Chamartín tras a saída do eixo dun tren cando entraba na estación madrileña, que ocasionou unha caída de tensión eléctrica que afectou á circulación.