Rescatan un terneiro atrapado nunha mina de auga da Estrada
O animal pasou varias horas encaixado nun túnel moi estreito
Lograron sacalo atándolle unha corda na pata
San e salvo xunto á súa nai descansa o protagonista desta historia. Un becerriño aventureiro que decidiu entrar, posiblemente a beber, no interior desta mina. O seu dono botouno en falta e, seguindo as pegadas, decatouse de que estaba dentro e non ía poder sacalo sen axuda.
"O primeiro que fixemos foi comprobar que non había risco de derrubamento na mina. Era segura pero angosta, de 50 centímetros de ancho, metro e medio de alto e uns 30 cm de auga no fondo. Atopámolo a uns 30 metros da entrada, improvisamos un lazo para collelo pero ao escoitarnos entrou aínda máis cara adiante", explica Manuel Martínez, xefe de garda de Emerxencias da Estrada.
Non foi a ata o terceiro intento que lograron rescatalo. Foi grazas á axuda dun veciño que logrou meterse para atarlle unha corda na pata.
"Grazas á destreza deste mozo, que é máis miúdo ca nós e se movía mellor nun espazo tan angosto. Logrou prenderlle unha corda na pata. Despois pouco a pouco fomos tirando cara atrás ata que logramos sacalo", di Manuel Martínez.
Desde os servizos de emerxencias recordan que en Galicia hai moitas minas, pozos e ocos deste tipo e é fundamental bloquear o seu acceso. Desta volta foi un becerro, pero podería ser un neno.
"Eses ocos hai que tapalos sempre, con madeira, con reixa, co que sexa. E se van camiñando polo monte e localizan un e non saben quen é o dono, que chamen os concellos para notificalo", engade o xefe de Emerxencias da Estrada.
Seguramente ao tenreiro non lle quedaron ganas de repetir. Pero, por seguridade, a mina está xa tapada cun palé a proba de curiosos.