Rescatan en Tordoia unha aguia que non podía voar por ter mancada unha das ás
Xestionaron o seu traslado ao Centro de Recuperación da Fauna Salvaxe de Oleiros
No Centro curánlle a rotura e faranlle rehabilitación ata que volva voar para soltala
A colaboración cidadá é fundamental para alertar sobre casos de animais feridos. Unha veciña de Tordoia puxo estes días todo o seu empeño para que unha aguia que non podía voar puidese chegar a un centro de recuperación de fauna salvaxe.
Lili atopouse co paxaro nun dos seus habituais paseos polos arredores da vila. Tentou achegarse ao animal para rescatalo, pero a tarefa non foi fácil.
"Tentei calmalo e ilo tocando, pero picaba..., e acordeime dun documental no que vira que lle tapaban os ollos aos falcóns e ás aguias para que non se asustasen e púxenlle o meu xersei e foi cando puiden agarralo".
Xa na casa do seu amigo Manuel tentaron ver se o animal se recuperaba. Visto que non remontaba, xestionaron o seu traslado ao Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Oleiros.